Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Mundos da historia-Historias do mundo presenta un percorrido por 50 anos de literatura infantil-xuvenil galega

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, presentou en rolda de prensa a mostra Mundos da historia – Historias do mundo, 50 anos de literatura infantil-xuvenil galega, organizada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo. A exposición quedou inaugurada na Biblioteca Pública Ánxel Casal e percorrerá posteriormente as bibliotecas nodais de Galicia. O acto de presentación contou asemade coa participación do presidente de GÁLIX, Manuel Figueiras.

O director xeral destacou a calidade da exposición, Historias do mundo – Mundos da historia, “onde vemos magnificamente resumido o curso que seguiu ata hoxe a creación galega”. Dentro da historia das edicións galegas, Franciso López valorou a aportación de Xosé Neira Vilas a través da súa obra mestra Memorias dun neno labrego, “o gran clásico que anunciaba un desenvolvemento moi importante da creación e da edición destinada á infancia e á xuventude” e situouno como un fito sen precedentes para o libro galego xa que, daquela, “significaba un espertar moi alentador, pola calidade do texto e pola gran personalidade que demostraba, porque o galego, como lingua literaria, ocupaba un novo espazo, que lle pertencera sempre”.

A partir deste rexurdir da literatura galega de calidade, o director xeral teceu un percorrido pola escrita galega dos últimos anos afirmando que nos seguintes anos mantívose “a liña de calidade e de identificación co noso, e apareceron con nomes que agora vemos como importantísimos na nosa creación: Xohana Torres, Carlos Casares, Manuel María ou Pura e Dora Vázquez, que lembraron con intensidade o dereito de Galicia a se expresar por si”. “A partir de 1975, a literatura galega para o público infantil e xuvenil medra moitísimo, e vemos como as librarías e as bibliotecas de Galicia xa empezan a ofrecer algo que pode aproximarse a un sistema con vocación de atender a comunidade”, engadiu.

Francisco López enxalzou o momento actual como unha celebración na que destaca a declaración do “Ano da Lectura de Galicia para subliñar a grande efeméride do Xacobeo”. Asemade o director xeral apreciou que “neste momento, temos autoras e autores de literatura con proxección internacional, contamos cunha ilustración do primeiro nivel mundial e cunha estrutura editorial profesionalizada e competente, que se espalla a todo o mundo, a través de asociacións e proxectos de grande envergadura”.

Contexto global

O director xeral lembrou así tamén, outras iniciativas e publicacións como “a banda deseñada, Novoneyra: a voz herdada, de David Rubín e Kike Benlloch, que aparecerá arredor do Día das Letras Galegas, a edición en cómic de Fragmentos de Apocalipsis de Gonzalo Torrente Ballester” ou nun ton máis xenérico da literatura infantil e xuvenil, a celebración en Compostela do congreso do IBBY, o meirande acontecemento munidal neste campo, xunto coa Feira de Boloña.

Deste xeito, Francisco López fixo patente, desde a Xunta de Galicia, “o apoio ao gran desenvolvemento que reflicte a exposición, e facer de Galicia unha comunidade cunha presenza cultural cada vez máis firme dentro da literatura infantil e xuvenil”.

Hai 50 anos

De todo isto nos dá conta a mostra Historias do mundo – Mundos da historia, unha mostra que conmemora estes 50 anos de excelente saúde do produto literario infantil e xuvenil galego.

Esta mostra, integrada por 22 paneis, recolle a evolución do libro infantil e xuvenil galego, desde a súa tardía aparición, en 1961, con Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, ata a actualidade, cando Galicia conta con numerosos autores e ilustradores con proxección no exterior, traducidos ás linguas máis importantes da nosa contorna cultural e distinguidos con galardóns importantes no plano internacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia