O poema de Rosalía, Negra Sombra, unirá as prazas galegas no Día do Libro
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/rosalia_de_castro.jpg)
A iniciativa “ÁgoraLibros. Os libros nas prazas” desenrolarase o próximo 23 de abril na conmemoración do Día Internacional do Libro desde ás 9 da mañá ata as 9 da noite co obxectivo de pór en valor ao libro e á lectura e render homenaxe a Rosalía de Castro no 125 aniversario da súa morte, a través dun dos seus poemas máis emblemáticos. Para esta acción procurouse a participación de milleiros de persoas que cederon os seus libros e de máis de douscentos centros de ensinanza, fundacións, museos, institucións públicas, bibliotecas públicas e privadas, servizos de publicacións ou editoriais que contribuíron á recompilación dos 100.000 volumes. Asemade, a Xunta de Galicia buscará a implicación do alumnado de educación primaria, secundaria e universitaria e do público xeral para o éxito desta acción pioneira a prol da literatura galega. Ás 12,00 horas, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela (en Santiago) e os delegados territoriais da Xunta en A Coruña, Pontevedra, Lugo e Vigo (nas súas respectivas localidades) lerán unha declaración institucional con motivo da conmemoración do Día do Libro.
“Un acto aberto, dinámico e participativo”
O conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que con esta celebración do Día do Libro no Ano do Libro e da Lectura, “festexamos a vixencia, a vitalidade e a relevancia do produto cultural por excelencia e, desde a Consellería de Cultura e Turismo, non podemos desfalecer neste quefacer pola promoción, a difusión e a consolidación da lectura, unha prioridade para nós”. Neste sentido, Roberto Varela asegurou que “ler significa abrirse ao mundo, deixar que floreza dentro dun o que alguén escribiu, traspasar fronteiras, cruzar unha porta e entrar nun universo infinito de coñecemento, vivencias, sentimentos e sensacións”.
Do mesmo xeito, Roberto Varela destacou o significado desta especial homenaxe a Rosalía de Castro, “unha icona indubidable da cultura galega e de Galicia, cun legado que é coñecido e estudado dentro e fora das nosas fronteiras”. “Mais con Rosalía cómpre evitar quedarnos no mito, o mellor que podemos facer por ela neste Ano do Libro e ler a súa marabillosa obra”, engadiu.
Os libros nas prazas
A Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, a Explanada de Palexco en A Coruña, a Praza da Ferrería en Pontevedra, a Praza da Estrela de Vigo e as prazas maiores de Lugo e Ourense son os espazos onde se escribirán os versos de Rosalía de Castro empregando un total de 100.000 volumes. Os participantes irán debuxando as letras segundo a planificación establecida e axustando as súas dimensións ao espazo dispoñible nas diferentes prazas.
Deste xeito, a través dunha distribución visualmente impactante, a escritura de “Negra sombra” distribuirase da seguinte forma:
- Ourense
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
- Lugo
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Pontevedra
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
Vigo
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Santiago
Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
A Coruña
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.
Como colofón ao acto, simultáneo nas prazas máis representativas das cidades galegas, os libros entregaranse o mesmo día 23 aos viandantes que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros ou ás asociacións que os soliciten con antelación e os recollan. Un xeito amable de promocionar a lectura e conmemorar o Día Mundial do Libro nun contexto tan importante como é o Ano do Libro e da Lectura.
Fundación SEUR
Fundación SEUR, a través da Red SEUR, asume un papel protagonista na coordinación da loxística e o transporte dos libros doados por diferentes entidades e institucións, que permanecerán o día 23 de abril nas prazas de Galicia para construír as letras do poema Negra Sombra. Asemade, SEUR porá a disposición do proxecto todas as delegacións da súa rede en Galicia, onde tamén se recibiron doazóns de libros, así como a súa flota de vehículos como compañía líder do transporte urxente. Deste xeito a compañía de transportes, trasladará o material doado ás principais cidades de Galicia, un total de cerca de 100.000 libros ou 14 toneladas de mercancía, con destino nas prazas de A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Pontevedra, onde a Consellería de Cultura e Turismo e ÁgoraLIBRO conmemorarán o Día Internacional do Libro e o Ano do Libro e a Lectura en Galicia.
Segundo o director Comercial de SEUR, José Francisco Gil Rodríguez, a implicación da compañía e da súa fundación con ÁGORALIBRO enmárcase na aposta compartida “por promover proxectos de acción social e cultural dirixidos a nenos e adolescentes, sendo a loxística solidaria un dos vértices da nosa actuación en materia de responsabilidade social como empresa de referencia”. “Un neno que lee, e que pode elixir entre moitas opcións de lectura, será un neno con máis posibilidades de crear o hábito de ler e desenvolverse intelectualmente con el”, afirma José Francisco Gil.
Fundación SEUR nace en 2004 como entidade sen ánimo de lucro que dirixe a súa actuación en catro liñas, a protección á infancia, o apoio aos empregados da Red SEUR, a loxística solidaria e a colaboración con outras empresas e fundacións na consecución dun obxectivo común aportando cada parte os recursos da súa actividade empresarial.
Sobre Luz Darriba
A artista Luz Darriba, organizadora do proxecto e da súa realización, é unha artista multidisciplinar, nada en Uruguay, que vive e traballa en España desde 1990. No seu haber xa contempla máis de 250 exposicións colectivas, 40 individuais e 50 distincións internacionais.
Luz Darriba foi a creadora da Fundación Cumulum, que a Xunta de Galicia declarou de Interese Galego en abril do 2000. A Fundación naceu como apoio ao proxecto Cumulum, da artista multidisciplinar, a partir do cal rodeouse á Muralla Romana de Lugo con 659.000 libros. Grazas a esta peculiar iniciativa, acaparouse a atención dos medios de comunicación e aglutinouse á cidadanía en torno á Muralla, conseguindo a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e facéndose un oco no libro Guinness como a maior obra plástica realizada con libros no mundo.
É de destacar tamén o proxecto de Luz Darriba e Cumulum, Unha Porta á Cultura, a través do cal, no ano 2001, envolveuse a emblemática Porta de Alcalá de Madrid con 80.000 libros destinados a programas de alfabetización en Colombia. A iniciativa foi patrocinada pola UNESCO, o Concello de Madrid e a Feira do Libro de Madrid.
Entre outros proxectos artísticos de Luz Darriba, todos eles innovadores e cunha gran forza comunicativa, destacan Libres avec des livres, unha instalación despregada na Maison de UNESCO en Paris; Patchwork, Farrapos pola non violencia contra as mulleres, a confección dunha alfombra de 8000 metros cadrados na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela (2004); As mulleres tomamos as rúas, cambio do nome de 57 rúas de Lugo polo de mulleres descoñecidas da historia Lugo (2005); Libook, casa de libros no Palau Moja de Barcelona (2005); Guante negro, Guante branco, 30.000 pares de guantes contra a violencia de xénero en Lugo (2005); Sinais, intervención de todos os semáforos urbanos da Ronda da Muralla de Lugo con iconas femininas en Lugo (2006); Bibliotecas de Babel, Barricadas de libros, (2006); Palabras máis, un crucigrama de 2000 metros cadrados, Praza do Obradoiro, máis de dous mil estudantes de secundaria pondo os seus corpos contra a violencia de xénero; Arakne, rede pola Igualdade, sobre cubos e terrazas do Kursaal en San Sebastián (2007); Labirinto das sensacións, día mundial da discapacidade; Librolibre, as mulleres e a educación, Museo Pedagóxico de Galicia (2008); Cuestión de Xénero, intervención con 500 prendas femininas na Praza de Maio en Bos Aires (2008); Antropofaxia, ¿Vos sos caníbal?, microcentro cidade de Bos Aires; Cortar polo san en Rosario, Posadas (Arxentina); Nonetrivial, un xogo que non é un xogo, sobre a historia das mulleres e as mulleres na historia, na comuna de A Providencia en Chile (2009); Sare, tecendo redes de igualdade, intervención sobre o Palacio Europa de Vitoria; Sinais de aquilo que non vemos, intervención de 200 semáforos urbanos do microcentro de Bos Aires.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia