O rapeiro americano Raekwon actúa en Santiago de Compostela o 14 de maio
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/xacobeo_importa_2.jpg)
Raekwon é o máximo representante do rap da costa este de Estados Unidos e un dos alumnos avantaxados de Wu-Tang Clan, un dos grupos de hip hop máis grandes e influíntes da historia. Raekwon é o primeiro compoñente desta agrupación que actúa en Galicia. Nesta data exclusiva na comunidade galega estará presentando o seu último disco Only Built 4 Cuban Linx Pt. II, continuación do álbum do mesmo nome que en 1995 revolucionou a forma de facer rap e converteuse nun dos referentes do hip hop da pasada década.
O disco, que obtivo o respaldo da crítica e do público, arrasou nos Estados Unidos, entrando no número catro da lista Billboard. En España foi elixido por Mondo Sonoro como o mellor disco de hip hop do ano e medios especializados no rap puxérono entre o mellor do 2009. Raekwon ten xa unha sólida carreira, tanto formando parte dos Wu-Tang Clan como en solitario e destaca por renovar completamente o rap, no que introduciu samplers máis elaborados, procedentes do soul e do jazz clásico.
Con esta incorporación, o ciclo Xacobeo Importa sigue completando unha programación de estilos variados que chega a distintos tipos de público con propostas de primeiro nivel. Tralos concertos de Vetiver, Richard Hawley, Joan Baez e Yo la Tengo, no mes de maio chegan Mark Lanegan e Raekwon, dous artistas de referencia no seu estilo, tan dispares como interesantes.
Concerto de Mark Lanegan
Deste xeito, o 18 de maio, só catro días despois da actuación de Raekwon, a Sala Capitol acollerá a partir das 20.30 horas o concerto de Mark Lanegan, para o que as entradas xa están á venda. A súa actuación en Santiago de Compostela será unha das únicas tres datas que ten fixadas en España.
Esta será a súa primeira xira en solitario en seis anos, tras formar parte de Screaming Trees, e nela repasará os grandes momentos da súa extensa carreira. Emparentado no clube das grandes voces que forman Johnny Cash, Tom Waits ou Nick Cave, nos últimos anos Lanegan demostrou as súas inquietudes ao traballar en diferentes proxectos con artistas como Grez Dulli (The Twilight Singers), Isobel Campbell (Belle & Sebastian), Soulsavers ou Queens of the Stone Age.
Dende o ano 2008, o Ciclo Importa presentou en Galicia a grupos de importante traxectoria internacional, como Gogol Bordello, Tindersticks, Millencolin ou Skye Edwards. Máis de 4.000 persoas gozaron destas actuacións. En 2010, o ciclo Xacobeo Importa ten a firme intención de consolidarse como una proposta estable, que teña unha programación regular ao longo do ano con concertos como os dos mozos estadounidenses Vetiver, que actuaron en Pontevedra o pasado 2 de decembro, ou figuras consagradas como Joan Baez, que actuou en Vigo. O certame manterá como centro de actividade Santiago de Compostela pero fará o camiño por outras cidades como Pontevedra, A Coruña, Ourense e Lugo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia