Investiranse 90.000 euros para a posta en valor da catedral de San Martiño
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/catedral_san_martino_ourens.jpg)
Do mesmo xeito, o conselleiro de Cultura e Turismo anunciou que a Xunta de Galicia traballa co obxectivo de investir 1.500.000 euros no cuatrienio que vai ata 2013 na restauración do conxunto da Catedral de Ourense. A restauración da Catedral de Ourense comezará no momento no que estarán rematados os estudios necesarios, que comezarán neste 2010 cunha duración estimada de entre 6 e 12 meses. Tras a execución dos estudos poderá fixarse un plan de accións e orzamentos concreto.
Roberto Varela afirmou que “ésta actuación inscríbese dentro do Plan de Catedrais, que constitúe unha prioridade para a Consellería de Cultura e Turismo e que ten a intervención na Catedral de San Martiño de Ourense como un obxectivo primordial. Non obstante, esta cifra está exposta á dispoñibilidade orzamentaria e conta coa posibilidade de cofinanciamento por parte doutras administracións”.
A Consellería de Cultura e Turismo leva traballando desde hai anos na conservación e posta en valor da Catedral de San Martiño de Ourense, un dos bens de interese cultural máis salientables do patrimonio galego e que conta no seu contexto cunha valiosísima peza como é o Pórtico do Paraíso.
A través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tamén contémplanse accións no Pórtico do Paraíso, un dos máis senlleiros exemplos de grupos escultóricos medievais de Galicia (século XIII), inspirado no Pórtico da Gloria de Santiago. Como tal pórtico, é un espazo de transición de singular beleza entre o exterior e o interior da catedral na súa fachada principal. Aparte do grupo escultórico policromado posúe pinturas murais nos laterais das torres.
Humidades
Os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, certificaron recentemente a existencia das afeccións máis delicadas, as humidades procedentes da parte superior que aínda non chegan ao chan. Nesta visita avaliouse a situación, realizáronse unhas catas e determinouse a causa real das humidades comprobando que a zona afectada é a relativa ao cimborrio.
As bóvedas que se apoian no esteo noroeste da Catedral aprécianse húmidas, principalmente as da nave do transepto e a do cruceiro, sobre o presbiterio. A natureza das humidades pode atoparse nun deficiente encontro entre a cuberta de tella da nave principal e o cimborrio ou na rotura ou desprendemento dalgún elemento de protección ou resolución dos babeiros. Actualmente as humidades non parecen estar a provocar graves patoloxías, nembargante, a afección podería ocasionar no futuro a presenza de sucidade sobre a fábrica, a acción daniña das sales sobre a pedra, o dano das xuntas e outras patoloxías relacionadas coa conservación dos materiais e os sistemas construtivos, ademais dun problema estético apreciable.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural precisa revisar os últimos proxectos na Catedral, para realizar as intervencións. Neste momento estase a traballar nun estudo a fondo do ben e estúdase a posibilidade de contratar a unha empresa construtora que facilite os medios auxiliares e os operarios para realizar algunha cata de observación e comprobación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia