Dúas Beiras representa a historia colectiva da emigración galega en Arxentina
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/duas_beiras.jpg)
Francisco López lembrou o carácter gratuito do espectáculo que o xoves 20 de maio ás 20,30 horas pretende chegar “a todos os públicos e a todos os que o desexen ata completar o aforo do Salón Teatro”. Para o director xeral de Cultura, en Dúas Beiras conflúen “a música, a danza e o audiovisual” configurando “un musical atractivo no que se recrea unha época da nosa historia, a época da emigración aos distintos países de América”.
Dúas beiras é un musical que lembra o histórico encontro de dúas culturas, a galega e a arxentina, como froito da epopea colectiva que significou a emigración. Por medio da música e a danza réndese homenaxe a diversas figuras que tiveron un papel preponderante nos eidos artístico e cultural de ambos os dous países, unidas este ano por distintas efemérides e aniversarios: Castelao, que morreu en Bos Aires hai agora 60 anos; Rosalía de Castro, de quen se cumpren cento vintecinco anos da súa morte; Luís Seoane, no centenario do seu nacemento tamén en Bos Aires; Uxío Novoneyra, poeta elixido este ano para o Día das Letras Galegas, e asemade, figuras da outra beira como Carlos Gardel, Piazzolla ou Alfonsina Storni.
A autora
No acto de presentación tamén estivo presente a autora e protagonista principal do musical, Lorena Lores, á que definiu como unha muller “que encarna na vida e no escenario o encontro de dúas culturas, de dous países, de dous continentes, que encarna os camiños da nosa emigración”.
Lorena Lores destacou o espectáculo Dúas Beiras como “unha oportunidade importante para entender esa historia, que tamén é a historia dos meus avós e os meus pais”, un gran espectáculo no que participan 25 artistas en escena caracterizados con máis de 70 traxes. Segundo a artista, a través deste espectáculo preténdese dar a mensaxe de que “cando as culturas se xuntan desde o respecto e a solidariedade sempre se enriquecen”.
A cantautora Lorena Lores, protagonista do espectáculo musical, é filla de galegos orixinarios de O Grove (Pontevedra) e creceu dentro da colectividade galega de Bos Aires, aprendendo a amar a cultura da súa cidade natal e a dos seus proxenitores. Co espectáculo Dúas Beiras, Lorena Lores rememora aquela época tan importante da historia galega e reflexiona acerca do enriquecemento que supón para a humanidade, o encontro de distintas culturas, cando se fai dende o respecto e a solidariedade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia