Feijóo anuncia o corredor Sarria-Monforte para 2011
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/corredor_sarria_monforte.jpg)
Así mesmo, Feijóo, que visitou o estado das obras, amosou o seu desexo de que o corredor se poda conectar coas autovías do Estado: coa autovía comprometida entre Monforte e Ponferrada e coa Autovía do Cantábrico.
Amais de liberar de tráfico unha das estradas máis transitadas de toda a provincia, o titular do Goberno galego subliñou que con esta obra, de máis de 28 quilómetros e 150 millóns de euros, cúmprense dous obxectivos: vertebrar completamente a metade sur da provincia de Lugo e o obxectivo “ambicioso” de que o 80% da poboación galega estea a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade.
Desde o punto de vista económico, Feijóo afirmou que a construción e posta en servizo do corredor vai supoñer unha oportunidade extraordinaria para estas comarcas. “Non en van, -asegurou- é o complemento imprescindible para dar saída aos proxectos económicos que xurdan no Porto Seco de Monforte –cuxas expropiacións se iniciarán este mesmo ano- para que teñan unha arteria que os comunique coas principais vías de comunicación de España, e ao abeiro do proxecto Impulsa Lugo, é dicir, financiamento ata o 50% de todas as iniciativas empresariais que se poñan na provincia de Lugo”.
O responsable do Executivo autonómico avoga por unha Galicia na que as provincias do interior superen as súas diferenzas coas provincias atlánticas e, neste sentido, fixo fincapé en que “é fundamental sementar o territorio de infraestruturas selectivas e precisas para triunfar no noso empeño de legar ás xeracións vindeiras as mesmas oportunidades, calquera que sexa a cidade, a vila ou a aldea onde vivan”.
Feijóo afirmou que esa filosofía do traballo rigoroso é a que rexe todos e cada un dos proxectos que está a levar a cabo a Xunta na provincia: xa sexa no ámbito dos servizos sociais, “para poñer en marcha neste ano 2010 máis de 400 prazas de residencias, con especial énfase na residencia de Monforte”; ou no ámbito sanitario, “para abrir un dos grandes hospitais de España, o Hospital de Lugo, despois do verán e potenciar, incrementar e mellorar o Hospital de Monforte e o Hospital da Costa”.
No tocante ás infraestruturas, destacou tres compromisos coa provincia: cumprir o compromiso de que este ano o 50% da Vía de alta capacidade da Mariña estea en obras ou expropiacións; o segundo compromiso refírese a autovía entre Nadela e Sarria, “vamos a cumprir a palabra dada, primeiro facer un corredor e despois desdobralo en autovía”; e, o terceiro compromiso é o corredor Sarria-Monforte, “un corredor que plantexa unha expropiación completa de autovía, que plantexa un deseño de viadutos desdobrables para confirmar esa autovía e que, por suposto, en función dos tráficos será desdobrado en autovía como está agora xa iniciado o desdobramento con Sarria e con Lugo”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia