Máis de 5.000 persoas xa teñen entrada para o concerto de Mark Knopfler
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/mark_knopfler_2.jpg)
O 70% das persoas que adquiriron a súa entrada residen en Galicia (con especial incidencia nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo), e o 30% restante corresponde a xente de fóra da comunidade galega, unha boa parte de Madrid e Barcelona, pero tamén de Salamanca, León, Oviedo, Burgos, Santander, Valladolid ou do norte de Portugal. As entradas para asistir á actuación de Santiago están á venda a un prezo de 48 euros na web de Caixa Galicia, en El Corte Inglés e Ticketmaster.
Xira de presentación de ‘Get Lucky’
Mark Knopfler regresa a España trala súa última visita o pasado 2008 na que esgotou entradas en Madrid e Granada, cando presentou Kill to Get Crimson. Esta vez, Knopfler amosará o seu novo traballo, Get Lucky, un disco gravado nos premiados Estudios British Grove e coproducido polos seus acompañantes Chuck Ainlay e Guy Fletcher. As once cancións do álbum son unha exploración das raíces musicais de toda unha vida, abordadas cunha extraordinaria combinación do folk e o blues coa súa orixinal forma de composición, con ingredientes británicos personalizados e unhas letras froito da observación máis vívida.
O concerto enmárcase dentro da xira que o artista desenvolverá durante os meses de maio, xuño e xullo deste ano, con sesenta concertos en máis de vinte países europeos. Gañador de varios Grammy ao fronte de Dire Straits, vendeu millóns de discos en todo o mundo, colleitou éxitos con temas como Money Is For Nothing, Sultans of Swing ou Romeo and Juliet, e foi capaz de crear un son único que marca unha parte da historia da música máis universal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia