Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O novo Hospital Lucus Augusti prestará servizo nos vindeiros 50 anos

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentou o novo hospital público de Lugo Lucus Augusti do que salientou que “será un hospital público social” que contará cunha escola infantil e unha ludoteca para os nenos ingresados, e cunha gardería para os fillos dos traballadores para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais sanitarios. Así mesmo, como experiencia piloto, abrirase, por primeira vez, un centro de día para que o persoal do hospital poda durante a xornada laboral levar aos seus maiores.

O responsable do Goberno galego, que destacou que se cumpre o compromiso de finalizar o equipamento global do hospital, afirmou que a Xunta seguirá a cumprir os últimos compromisos: “rematar o equipamento de alta tecnoloxía durante o verán, para inmediatamente, -aseverou- iniciar o proceso de traslado que durará entre 3 e 4 semanas, unha vez finalizado o equipamento tecnolóxico”.

Neste sentido, Feijóo lembrou o esforzo da Xunta “para atopar onde non había e priorizar aquilo que é imprescindible, é dicir, atopar o presuposto necesario para o equipamento completo do hospital. Esa falta de orzamentos para dotar ao hospital xa é historia, e 30 millóns de euros foi o que destinamos nos últimos meses para que este edificio se convertera nun hospital; nun hospital social, confortable, á vangarda da tecnoloxía e seguro”.

A maior e mellor tecnoloxía a disposición de todos os lucenses
Con 869 camas e 19 quirófanos, Feijóo afirmou que esta infraestrutura dá resposta ás necesidades asistenciais de Lugo. “Estamos a falar, ademais, dun hospital público confortable, xa que o 42% das habitacións son individuais; e dun hospital público seguro e accesible, porque incorpora os sistemas de identificación magnética e electrónica”.

Así mesmo, subliñou que a maior e mellor tecnoloxía estará a disposición de todos os lucenses: “3 TAC, 1 gammacámara, 2 aceleradores e 1 PET permitirán que nas próximas semanas, por primeira vez na historia da Sanidade de Lugo, os pacientes oncolóxicos podan ser atendidos sen necesidade de desprazarse a Santiago, a Coruña ou a Vigo”.

Unha aposta decidida pola Sanidade

O presidente da Xunta afirmou que o Goberno galego vai a seguir priorizando os investimentos en materia de Sanidade, e aseverou que o 34% de todos os presupostos da Xunta seguirán destinados á Sanidade pública.

Así mesmo, e logo de recordar que “por primeira vez, cumprimos o obxectivo de que ningún paciente que teña unha prioridade máxima desde o punto de vista clínico tivera unha espera superior a 30 días no ámbito cirúrxico”, puxo de manifesto o obxectivo de que os pacientes de prioridade 2 teñan unha espera media non superior a 60 días ao finalizar o ano.

Nesta aposta pola Sanidade, Feijóo destacou que o hospital de Lugo será un dos tres hospitais públicos novos que se fagan nesta lexislatura. “O hospital de Lugo xa é unha realidade incuestionable; o hospital de Vigo o adxudicaremos nas próximas semanas e o novo hospital público de Pontevedra será licitado o seu plan funcional igualmente nas vindeiras semanas. Todo elo cun ambicioso obxectivo: conquerir que o 50% de todas as camas do Servizo galego de Saúde sexan novas”.

Discriminación positiva para garantir as mesmas cotas de benestar a todos os galegos

Para o presidente da Xunta, amais de que este hospital significa priorizar as prestacións sociais, como as sanitarias; significa priorizar os territorios que precisan unha discriminación positiva, como Lugo; “priorizar as zonas onde existen desigualdades e por iso estamos poñendo en marcha políticas de discriminación positiva para garantir as mesmas cotas de benestar a todos os galegos, independentemente de onde vivan. Este hospital non é máis que un acto de xustiza cos lucenses. Os lucenses terán unha infraestrutura sanitaria comparable con calquera das grandes capitais europeas”, concluíu.

Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, resaltou que o Plan Funcional da Área Sanitaria de Lugo, elaborado conxuntamente polos profesionais e equipos de xerencia, contén as liñas mestras que guiarán a xestión, organización e actuación, así como o modelo asistencial dos centros hospitalarios lucenses nos vindeiros anos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia