Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo di que a UE sempre será unha oportunidade para quen saiba aproveitala

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, salientou, durante o acto de inauguración da campaña da Comisión Europea Sabe lo que la Europa Social puede hacer por usted?, que “a Unión Europea foi, é, e será sempre unha gran oportunidade para quen saiba e queira aproveitala”.

Neste sentido, o titular do Goberno galego avogou por un proxecto comunitario que defenda “un modelo social europeo, a recuperación da economía e do emprego, e a cohesión económica, social e territorial”.

Así, Feijóo resaltou o impulso outorgado polos Estados membros “ao crecemento económico e á cohesión territorial”, desenrolando ao mesmo tempo “un modelo social europeo” cos seus dereitos e os seus principios. “Todos os poderes públicos –explicou- teñen a responsabilidade de facer efectivos os dereitos das persoas e garantir a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos da vida”.

Para alcanzar este obxectivo, Feijóo resaltou o “Plan de Actuación Social 2010-2013” que, dotado con 2.000 millóns para os próximos catro anos, persegue, “a pesar da crise económica e a conseguinte diminución dos ingresos das facendas públicas, a creación de emprego a través da actuación social”. “O plan consiste en incrementar todo: as prazas de residencia, as prazas de garderías e escolas infantís, as prazas dos centros de día, a atención á discapacidade; un plan que baseado na eficiencia e na eficacia da xestión, poida acreditar máis dereitos sociais con menos; é dicir, empregar cada euro coa busca da maior rendibilidade social desa inversión”, explicou.

Dito plan, proseguiu Feijóo, permitirá acadar unha sociedade “máis solidaria, na que o ámbito social se vexa tamén dende a perspectiva do emprego; que aposte polos mozos e polo rexuvenecemento da poboación”.

A creación de emprego e a cohesión territorial

Por outra banda, o titular autonómico sinalou durante a súa intervención a necesidade de que o modelo europeo contribúa, tamén, a “regresar á senda do crecemento, da estabilidade e da innovación” a través da chamada “economía social”. Para ilo, Feijóo lembrou a aposta da UE pola Estratexia 2020, que persegue “construír un novo modelo económico baseado nun crecemento intelixente, sostible e integrador”.

“Galicia acaba de presentar a súa estratexia, que chega ata o 2020. O Plan Estratéxico 2010-2014: Horizonte 2020, que se circunscribe nesta Estratexia 2020 da Unión. Os desafíos galegos, e en consecuencia europeos, son compartidos: o cambio demográfico, a globalización, a crise económica e o seu impacto no emprego”, subliñou.

Nesta liña, Feijóo incidiu no feito de que “a economía social de mercado será a que serva para superar a crise”, e que está baseada “na competencia, no coñecemento, na innovación, e que reforza a participación responsable dos cidadáns nas decisións difíciles que deben adoptar as nacións e as rexións que compoñen Europa”.

Así mesmo, e no tocante á cohesión territorial, Feijóo apuntou que o Tratado de Lisboa, ademais de crear a Estratexia 2020, “reforza o papel das rexións” mediante a utilización de “varios instrumentos novedosos como as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial ou as Macrorrexións “.

Neste sentido, Núñez Feijóo reiterou o compromiso da Xunta na materia a través da participación no Comité das Rexións, dun lado, e da constitución en febreiro, doutro, da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) de Vigo, na que se inclúe a rexión Norte de Portugal.

“Galicia defende a vertebración do seu territorio. Unha Galicia Cidade Única que, xunto co noso principal socio, a rexión Norte de Portugal, poida contribuír eficazmente ao obxectivo de alcanzar unha verdadeira cohesión territorial”, incidiu.

Na mesma liña, o presidente galego avanzou que, xunto coa rexión Norte de Portugal e Castela e León, estanse a sentar as bases para a consolidación dunha estrutura macrorrexional que converta ao mesmo nun espazo funcional para “oito millóns de persoas”.

Así, e tal e como apuntou Feijóo, os obxectivos da Xunta en materia de cooperación territorial pasan por “defender os intereses de Galicia para evitar que o abandono do ‘obxectivo converxencia’ a partir de 2014 supoña unha redución drástica dos fondos comunitarios; e por tratar de compensar a caída deses fondos co incremento dos fondos transfronterizos entre a rexión norte de Portugal, Castela e León e Galicia”.

Un enorme proxecto colectivo

Por último, Feijóo salientou que “é o momento de establecer novas metas, novas oportunidades”. “Europa é un enorme proxecto colectivo; é un camiño que empezou a construírse arredor do Camiño de Santiago. Dende o século IX empezamos, sen sabelo probablemente, a que as distintas ideas e proxectos, as distintas linguas e culturas, arredor dun camiño, conformasen o que hoxe coñecemos como Unión Europea”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia