Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Consello de Dirección da Universidade de Santiago celebrou unha sesión de traballo en Seoane do Courel

O alcalde de Folgoso de Courel, Xosé López Fontal, recibiu aos integrantes do goberno da Universidade compostelá e agradeceu publicamente o seu desprazamento ao Caurel, sendo a primeira vez na historia que a institución docente celebra unha xuntanza de traballo no Courel dos tesos cumes onde, como dicía o poeta Novoneyra, Eiquí síntese ben o pouco que é un home.
O reitor e o seu equipo celebran esta xuntanza extraordinaria do Consello de Dirección da USC en Seoane como mostra de apoio á creación da Estación Biolóxica de montaña nuns terreos xa propiedade da Universidade nas inmediacións da vila e cun orzamento de obra civil de aproximadamente 600.000 euros. Para o financiamento desta estación, que pecha o ciclo dunha terna de estacións biolóxicas xunto coas de Encoro de Con e da Graña, cóntase co apoio firme do concello, da Asociación Río Lor, e co compromiso verbal dos departamentos de Medio Ambiente dos Gobernos autonómico e central.
Tanto o reitor como o resto dos membros do Consello de Dirección agradeceron o interese do alcalde e a súa contribución á posta en marcha desta estación que axudará a potenciar o estudo da diversidade paisaxística, biolóxica, botánica e zoolóxica da Serra do Caurel. Segundo o reitor, trátase dun proxecto singular de especial importancia para o contorno natural do Caurel e polo tanto de relevancia para Galicia e a investigación no ámbito estatal. A estación, dotada de laboratorios de investigación, aulas e outros servizos, é froito dun traballo realizado ao longo de varios anos por investigadores da USC das áreas de coñecemento vinculadas á estación.
Esta xuntanza forma parte dunha serie de reunións de carácter extraordinario que o equipo de goberno da USC realiza co obxecto de planificar as accións a desenvolver durante o curso que agora comeza.
Gabinete de Comunicación USC