Iníciase a campaña Verán 2010 con dez unidades móbeis do Centro de Transfusión
Compartir vida e saúde mediante á doazón de sangue é o obxectivo da nova campaña de doazón de sangue “Verán 2010”, que presentou a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía baixo o lema “O teu sangue é vida. Compárteo”. Farjas Abadía salientou a importancia de acadar a colaboración dos cidadáns nunha das épocas do ano de maior necesidade de compoñentes sanguíneos dado o incremento das necesidades de doazón por mor do aumento das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico no período vacacional.A conselleira de Sanidade, que estivo acompañada pola directora do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), María Inmaculada Rodríguez Calvo, destacou tamén que o obxectivo fixado é acadar un total de 40.000 doazóns.
Con esta campaña “Verán 2010” Sanidade tenta manter estable o número de doazóns de sangue xa que, cada día, os centros sanitarios galegos necesitan 500 doazóns para poder levar a cabo o seu labor asistencial. En total, para o ano 2010 Galicia precisará arredor de 123.000 doazóns de sangue.
Campaña informativa
Para facer realidade estes obxectivos, as dez unidades móbiles do CTG efectuarán entre os meses de xuño a setembro do presente ano máis de 700 campañas de doazón de sangue en máis de 240 concellos de toda Galicia.
Para Farjas Abadía é fundamental que toda a cidadanía estea sensibilizada coa importancia da doazón e do necesaria que é a participación de todos. Por iso iníciase unha nova campaña divulgativa destinada a informar á poboación a través dos medios de comunicación.
A conselleira de Sanidade incidiu en que faise preciso un novo esforzo por parte da cidadanía para tentar incrementar o volume de doazóns de sangue necesario.
Resultados campaña do pasado verán
A titular de Sanidade lembrou que as necesidades aumentan ano tras ano, xa que no verán do pasado 2009, as unidades móbiles do CTG desprazáronse ata máis de 200 concellos e acadaron 40.018 doazóns de sangue. Isto supón un 33% do total das doazóns rexistradas durante todo o ano.
Os datos do verán de 2009 supuxeron un incremento do 2,8% respecto do mesmo período do ano anterior. Farjas Abadía destacou a importancia tamén de que se mantivo estable o número de doazóns nos meses de xuño a setembro cunha media de 10.004 doazóns cada mes.
Doador universal
Aínda que todos os grupos sanguíneos son precisos, nestas datas faise especialmente necesaria a participación dos doadores cero negativo, coñecidos como doadores universais.
Pilar Farjas explicou que este grupo sanguíneo, que tan só posúe o sete por cento da poboación, pode ser usado no tratamento de calquera enfermo e soe utilizarse para nas urxencias derivadas dos accidentes de trafico que, lamentablemente, aumentan coincidindo con estes períodos vacacionais.
A Consellería de Sanidade e o Centro de Transfusión de Galicia agradecen a todos os cidadáns a súa participación nas campañas de doazón, agradecemento que fai extensivo as Irmandades de Doadores de Sangue e aos medios de comunicación, e lembra que, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón é posible consultar a páxina web: ctg.sergas.es ou contactar co teléfono gratuíto: 900 100 828.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
