Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O BNG presenta as candidaturas das sete grandes cidades galegas para as eleccións municipais

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, presentou nun hotel de Santiago de Compostela os primeiros tramos das candidaturas das sete cidades para as vindeiras eleccións municipais, baixo o lema “Tempo de compromiso con Galiza”.

Os cabeza de lista nas cidades serán Santiago Domínguez, por Vigo; Miguel Fernández Lores, por Pontevedra; Isabel Pérez, por Ourense; Xosé Manuel Carril, pola Coruña; Rubén Cela, por Santiago de Compostela; Xoán Xosé Pita, por Ferrol; e Xosé Antón Bao por Lugo.

“Os concellos deberán ser axentes activos no impulso dunha saída xusta á crise económica, que o BNG defende radicalmente oposta á que están a defender o PSOE e o PP”, sinalou o líder do BNG.

“O BNG quere gobernar para facer políticas transformadoras, políticas favorábeis á maioría e políticas democráticas”, afirmou Guillerme Vázquez. “Polo tanto, nós dicimos que é tempo de compromiso e proclamamos, alto e claro, que o noso compromiso é exclusivamente coa xente e con Galiza”, engadiu.

“Xa o temos demostrado: de Pontevedra a Allariz, de Monforte a Carballo; alí onde gobernamos, o BNG ten dado mostras prácticas do seu compromiso coa xente, de facer real a existencia doutra forma de gobernar e, polo tanto, que é posíbel transformar a realidade en beneficio da xente”, explicou.

Neste sentido, Guillerme Vázquez enunciou as liñas básicas que conterá o programa municipal, que se artellará para “conseguir un financiamento xusto para os concellos galegos, facer dos concellos axentes de dinamización económica e xeradores de emprego, axentes ao servizo da igualdade e do benestar, promotores dos nosos valores culturais e patrimoniais, da nosa lingua e das nosas tradicións, impulsores dun novo modelo de organización onde as comarcas substitúan as obsoletas deputacións”.

Proceso de elección democrático e participativo

“Os candidatos e candidatas que hoxe teño a honra de presentar publicamente foron escollidos, despois dun proceso de elección amplamente participativo, polas súas asembleas locais; son homes e mulleres cualificados persoal e politicamente, con valores e principios ben asentados, nestas candidaturas figuran persoas que teñen capacidade de gobernar transformando a realidade do estado das cousas e tamén novas persoas que se incorporarán ao traballo dos concellos e con cualificación profesional e política”, destacou.

Así, explicou que “son listas que combinan experiencia na xestión con grandes doses de renovación xeracional”. “Compañeiros e compañeiras que son pezas fundamentais na configuración de equipos de traballo e do traballo en equipo, algo fundamental para que un proxecto e un programa político se leve adiante e teña éxito”, sinalou.
Gabinete de Comunicación do BNG