Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

José García Costas, elexido novo presidente do Consello Galego de Cámaras

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presidiu o Pleno do Consello Galego de Cámaras para a elección do seu presidente e comité executivo que pon o punto e final aos procesos electorais que completan o proceso de renovación das nove cámaras de comercio de Galicia acometido nas últimas semanas.

Javier Guerra trasladou aos presidentes das nove cámaras de comercio galegas e ao novo presidente do Consello Galego de Cámaras, José García Costas, e ao seu equipo os seus parabéns polo proceso electoral e emprazounos “a enfrontar con ilusión e con novos retos esta nova etapa, na que hai que levar a cabo unha xestión moderna, áxil, eficaz e próxima ao cidadán para contribuír ao desenvolvemento económico dos sectores produtivos clave para Galicia”.

O conselleiro de Economía e Industria apuntou que as cámaras de comercio galegas “son aliadas necesarias para a recuperación económica de Galicia, posto que se configuran como ferramentas útiles na xestión e no desenvolvemento das nosas empresas nas súas diferentes etapas de creación, expansión e desenvolvemento”.

Javier Guerra destacou tamén a “vital importancia” da función do Consello Galego de Cámaras “como representación da voz unánime das novas cámaras e como interlocutor válido e necesario coa Administración”. Por este motivo, salientou, “dende a Consellería de Eocnomía e Industria poñémonos a súa disposición para establecer as vías de colaboración que nos leven a encamiñar as iniciativas que xurdan das cámaras e aproveitar todos os instrumentos ao noso alcance para lograr unha cooperación que repercuta dun xeito beneficioso no tecido empresarial e na súa competitividade”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia