Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra Xeografías Contemporáneas achega a arte aos concellos e comarcas

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurou no Pazo de Torrado (Cambados) a exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea, Xeografías contemporáneas. Obras da colección do CGAC, que amosa o compromiso da Xunta de “achegar a nosa arte contemporánea aos distintos concellos e comarcas”. Ao acto inaugural tamén asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o alcalde do Concello de Cambados, Luís Aragunde; o director do CGAC, Miguel von Hafe; e a comisaria da exposición, Christina Ferreira.

Roberto Varela valorou da mostra do CGAC o feito de “sacar parte da colección dos seus depósitos e deseñar unha exposición atractiva cun fío condutor claro e próximo, cun discurso ben pensado, e botala fóra das catro paredes do Centro”. O conselleiro de Cultura e Turismo subliñou a beleza do Pazo Torrado de “notable valor para a promoción e difusión da arte na nosa terra”.

Segundo o conselleiro, a exposición amosa “a territorialidade e a identidade única de Galicia, que cómpre respectar e sobre a que hai que traballar con tino”. A arte galega comunícase, entre outras, a través de estas pezas, “onde late a herdanza e o eco das vangardas históricas, a mirada propia sobre a terra e o territorio, pezas que, ao fin, recollen as grandes metáforas do home e da muller galegos”, engadiu Roberto Varela.

Xeografías contemporáneas

A mostra Xeografías contemporáneas. Obras da colección do CGAC recolle unha boa cantidade de obras de artistas galegos ou afincados en Galicia como Virxilio Viéitez, Francisco Leiro, Jorge Barbi, Pamen Pereira ou Manolo Paz. Trátase de obras nas que, na meirande parte dos casos, se recolle a reflexión en torno ao que acontece no ámbito artístico internacional, pero que teñen unha referencia emocional, simbólica ou física en Galicia.

O recurso da ironía e a disposición á crítica sobre temas como a identidade, o illamento do ser humano contemporáneo, fitos históricos de Galicia ou os fenómenos de mestizaxe cultural e creolización social, poden percibirse nas obras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia