Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Técnicos de Cultura realizan un informe para a recuperación da Capela dos Remedios logo do lume

O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, desprazouse a Ourense para examinar o estado da Capela de Os Remedios tras o incendio que se orixinou no inmoble a primeira hora da mañá do mércores 27 de xullo. Ao longo do día, tamén se achegaron a ver o estado da capela o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e diferentes técnicos.

José Manuel Rey Pichel informou de que os técnicos da Consellería de Cultura e Turismo estiveron dende primeiras horas da mañá avaliando o alcance do incendio e os danos no ben patrimonial, para agora realizar un informe das obras necesarias para a restauración deste monumento do século XVI.

Unha vez rematado o informe, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural reunirase cos representantes do Arcebispado e do Concello de Ourense, e os propietarios do ben, na procura da mellor solución para a reconstrución da Capela de Os Remedios (retablos, tellados, bancos, etc).

O primeiro aviso sobre o incendio na Capela de Os Remedios foi a través da alerta dun cidadán ao redor das 6.00 horas e inmediatamente tres patrullas de bombeiros trasladáronse ao lugar para sufocar o lume, que finalmente foi extinguido ás 7.30 horas.

O teito derrubouse en dous puntos da igrexa, un na entrada da mesma e outro enriba do retablo. O retablo maior quedou totalmente calcinado, así como as imaxes, as figuras, a maioría dos bancos e case todas as ventás interiores. Os muros perimetrais e os piares non están danados, aínda que a pedra está manchada a causa do fume.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia