Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo de Pontevedra acolle a mostra Novos valores

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, inaugurou no Museo de Pontevedra a exposición Novos Valores 2010 que amosa “a calidade creativa que a organización consegue reunir en cada edición coas propostas innovadoras e os nomes que expresan aquí a súa forza, para írense convertendo en figuras consolidadas co paso do tempo”.

Francisco López manifestou na inauguración da mostra a aposta da Xunta de Galicia “pola renovación sobre o respecto ao conseguido, pola nova creación e polos novos valores”. O director xeral trasladou o desexo do Goberno Autonómico por “unha arte que exprese o tempo presente, coas manifestacións permanentemente actualizadas a través das figuras que xorden, e coa consciencia de que Galicia xa conta cunha tradición chea de nomes consagrados”.

Respecto ás preto de 300 solicitudes que recibiu a edición deste ano, das que foron seleccionadas 39 obras, Francisco López destacou da dirección da mostra o “sentimento moi especial cara á arte, amais dunha fe absoluta no resultado”. Deste xeito, segundo o director xeral contémplase “unha provincia aberta, preparada para calquera adaptación que esixan os tempos, o que significa unha expresión aberta tamén para Galicia”.

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura amosou a súa intención de que “esta sociedade poida recoñecerse constantemente en calquera lugar do mundo” xa que “pertencemos ao mundo e dámoslle o noso punto de vista, a nosa mirada, a nosa arte, do mesmo xeito que recibimos aos alleos, engadiu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia