Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Plan Renove de Electrodomésticos aproxímase aos dous millóns de euros

O Plan Renove de Electrodomésticos 2010 que a Consellería de Economía e Industria ten en marcha desde o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para incrementar o aforro enerxético nos fogares galegos mediante a substitución de electrodomésticos antigos por equipos máis eficientes con etiquetado enerxético A ou superior, leva rexistradas preto de 20.000 solicitudes de axuda, contabilizadas desde o 9 de agosto, data na que se restableceu o funcionamento do Plan, tras quedaren resoltas as incidencias de tipo técnico xurdidas coa aplicación informática de xestión do programa, que obrigaron á súa suspensión durante uns días.

O elevado número de vendas potenciais de electrodomésticos eficientes efectuadas nos establecementos adheridos a esta campaña de promoción do aforro, principalmente no sector doméstico -ata o día de hoxe son 835 os comercios que poden realizar vendas-, supón que están xa comprometidos máis da metade, concretamente case 1,85 millóns de euros sobre os 3.100.000 euros de orzamento inicial destinados a esta actuación que ten como fin último posibilitar que 33.500 familias galegas aforren un total de algo máis de 1,3 millóns de euros na súa factura eléctrica, unha media de 40 euros por fogar no consumo eléctrico, xa que mediante o novo electrodoméstico cada unidade familiar reducirá o consumo de corrente en 230 kWh/ano, posibilitando ademais un investimento asociado estimado en 12,4 millóns de euros.

En palabras do director do Inega, Eliseo Diéguez, “estes datos, que reflicten unha alta demanda, son unha nova mostra do atractivas que resultan para o conxunto da cidadanía este tipo de campañas, como o Plan Renove de Electrodomésticos, o de Fiestras, o de Equipos de Climatización ou o de Vehículos Eficientes, que se enmarcan dentro da aposta global da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética en todos os sectores, e que desenvolvemos de xeito continuado e periódico no tempo para incentivar o aforro e a eficiencia enerxética e para apoiar aos emprendedores”. “No caso do Plan Renove de Electrodomésticos estamos promovendo un dobre aforro, posto que cada fogar pode chegar a aforrar ata 125 euros na substitución dun electrodoméstico vello por outro eficiente, e ademais con este cambio dun equipo por outro, cada familia reducirá o consumo de enerxía eléctrica nuns 40 euros anuais”, resalta.

“Ademais, coa xestión das actuacións do Plan Renove de Electrodomésticos 2010 de Economía e Industria enmarcadas na estratexia de aforro e eficiencia enerxética para o exercicio 2010-2011 que conta cun orzamento total de máis de 21 millóns de euros, prevese a xeración dun aforro enerxético de preto de 16.000 MWh e unha redución na emisión á atmosfera de case 2.500 toneladas de CO2”, afirma.

Diéguez agradece a colaboración que están a mostrar os máis de 800 establecementos que poden realizar vendas ata o día de hoxe ao Plan e anima a que se unan máis, posto que as altas novas poderán facerse durante a vixencia da campaña, co que se estima que se chegue ás 900 entidades colaboradoras.

Aforro de ata 125 euros

As axudas á compra destes equipamentos máis eficientes desde o punto de vista enerxético son de ata 125 euros por electrodoméstico substituído (no caso de frigoríficos e frigoríficos-conxeladores con clasificación enerxética A++) e cun mínimo de 50 euros (para as placas de gas).

De acordo coa resolución do Plan (DOG do 12 de xullo), poden ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, sempre que destinen os electrodomésticos eficientes adquiridos ao seu uso particular e residan en Galicia, podendo recibir, como máximo, unha subvención por cada tipoloxía de electrodoméstico subvencionable.

O Plan Renove de Electrodomésticos 2010 é a quinta edición desta campaña de aforro e eficiencia enerxética, na que o Inega leva investidos preto de 20 millóns de euros, incluídos os 3,1 millóns de orzamento inicial destinados neste exercicio, para incrementar o aforro enerxético e económico, mediante a substitución de aparatos vellos por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético.
Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia