A Xunta ratifica o seu apoio á pescada do bonito en Burela

O presidente da Xunta precisou que dous barcos que están permanente traballando na zona onde se pesca esta especie serven de apoio loxístico ás tripulacións que participan na pescada do bonito; un deles, facendo de apoio loxístico, de medicina e telemedicina e, por suposto, servindo como punto de evacuación mediante os helicópteros, dixo.
No que se refire ao apoio promocional, explicou que o bonito que se pesca en Galicia e que sae a través de Burela leva unha etiqueta verde que acredita a calidade do bonito do Norte, a legalidade da súa captura, o barco onde é collido e tamén a zona onde é pescado.
Sostibilidade ambiental, económica e social
O mandatario galego sinalou que a pescada do bonito é “clave” na Mariña lucense por unha serie de particularidades que están baseadas sempre nun principio básico que é a sostibilidade ambiental, económica e social. A sostibilidade ambiental, proseguiu, é “unha garantía e un indicador específico da campaña do bonito porque o propio bonito establece a súa propia veda natural”. Neste contexto, explicou que a propia arte de pesca do curricán obriga a que non se poida coller outra especie que non sexa o bonito.
Sobre a sostibilidade económica, expuxo que son moitas familias as que viven da pescada e que este peixe rexistra un alto volume de facturación. Feijóo resaltou que Burela é o segundo porto de España en importancia de capturas deste tipo de peixe posto que o 70 por cento de todo o bonito que entra en Galicia entra polo porto de Burela.

No tocante á sostibilidade social, argumentou que se está a manter poboación dentro da costa que converte a Burela nun dos concellos onde a poboación “non soamente se mantén, senón que se incrementa”. Ademais, agregou, é unha poboación que integra culturas como consecuencia das tripulacións dos barcos que residen na zona.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia