Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ponse en marcha a campaña Neste comercio, o galego vende

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou a campaña de dinamización lingüística “Neste comercio, o galego vende”, que pon en marcha a Área de Cultura da Deputación en colaboración con Lugo Centrum. No acto tamén estivo presente o presidente de Lugo Centrum, Xosé Sánchez Bergantiños. A iniciativa está dirixida ao comercio lucense e ten o obxectivo de incentivar o uso do galego nas relacións de compra-venda que se leven a cabo no marco do mesmo.

Como explicou Antón Bao, “coa campaña fomentarase o uso do galego escrito e oral no ámbito do sector do comercio da cidade de Lugo, dentro das actividades habituais destes establecementos, incidindo tanto na promoción xeral do galego, como no uso do mesmo nas relacións directas cos usuarios e usuarias”. Sinalou a importancia de “aumentar a presenza da nosa lingua na actividade diaria dos comerciantes”, de xeito que se asegure a presenza do galego nos documentos internos e no material de publicidade ou de campañas, ao mesmo tempo que “se contribúe a asentar a valorización positiva da lingua galega entre a cidadanía, e se desbotan os prexuízos cara á lingua galega”. Pola súa banda, Xosé Sánchez Bergantiños manifestou o seu agradecemento “a Área de Cultura da Deputación, xa que deste xeito poderemos contribuír de forma conxunta a unha promoción da lingua á vez que se dinamiza o sector”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo