Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Economía e Industria activa o Plan re-Solve+ con 200 millóns de euros

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou en Santiago a activación do programa de garantías re-Solve+, que ten como obxectivo fundamental mobilizar 200 millóns de euros para financiar operacións de circulante, de refinanciamento de pasivos ou de ampliacións de capital destinadas a fortalecer a estrutura financeira das pemes galegas. Segundo indicou, este novo programa entrará en vigor de inmediato, logo da sinatura do correspondente convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades financeiras adheridas, realizada hoxe.

Segundo indicou Guerra Fernández, mediante a activación do re-Solve+ a Xunta “reafirma o seu compromiso para promover a cobertura das necesidades de financiamento das empresas galegas”, procurando superar as dificultades que a esixencia de garantías supón para as pemes. O conselleiro salientou que o re-Solve+ recolle o impulso da Mesa polo Diálogo Social e está destinado a substituír e mellorar tanto cuantitativa como cualitativamente ao re-Solve, e a complementar mellor ao re-Brote, no marco do plan de garantías impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e de acordo coas directrices marcadas no plan re-Forza 2010. O novo programa supera ao re-Solve ampliando o abano dos potenciais beneficiarios, ás contías máximas dos préstamos amparados, que pasan de 40.000 a 300.000 euros e as coberturas das garantías achegadas polas SGR con reaval do Igape.

Guerra salientou que o re-Solve+ incorpora tres liñas diferenciadas, ao sumar á de circulante, habilitada no marco do re-Solve, as novas liñas para apoiar o financiamento de “operacións de refinanciamento de pasivos ou de ampliacións de capital destinadas a fortalecer a estrutura financeira das pemes, para garantir así a súa continuidade e competitividade futuras”, explicou trala sinatura do convenio coas SGR e as EEFF.

O conselleiro de Economía e Industria destacou igualmente que o novo programa amplía ao 100% a cobertura das garantías achegadas polas SGR, sempre contando cun reaval do Igape polo 25% do risco asumido por estas entidades colaboradoras. No marco do re-Solve, as garantías achegadas cubrían só ata o 90% do risco. Do mesmo xeito, Guerra destacou o incremento das contías máximas das operacións apoiadas polo re-Solve+, que poden ir de 3.000 ata 300.000 euros (entre 3.000 e 40.000 euros no ámbito do re-Solve). Outra das melloras incorporadas no re-Solve+ é a referida aos destinatarios; os beneficiarios agora poden ser os autónomos pero tamén as pemes en xeral, mentres que no re-Solve eran só microempresas e autónomos.

Ao amparo deste novo programa habilitado mediante o convenio asinado coas entidades financeiras e as SGR, a liña de apoio a operacións de circulante permitirá mobilizar préstamos comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, con prazo de amortización de tres anos. A liña para refinanciamento de pasivos acollerá operacións comprendidas entre os 6.000 e os 300.000 euros, con prazo de vixencia de 5 anos; neste caso, a cobertura do aval da SGR será do 50% e contará co reaval do Igape polo 25% do risco. Polo que se refire á liña para ampliacións de capital, estará destinada a apoiar operacións de financiamento comprendidas entre 3.000 e 250.000 euros por socio (e 500.000 euros por empresa) que amplía capital, e cun prazo mínimo de amortización de 7 anos.

Ademais de achegar garantías mediante os reavais en garantía do 25% do risco asumido polas SGR, na liña de circulante o Igape subvencionará as comisións dos avais formalizados para que non repercutan sobre os beneficiarios das operacións. No programa para apoiar ampliacións de capital, o Instituto que preside Javier Guerra tamén subvencionará as comisións do aval e, ademais, achegará unha subsidiación de xuro de, aproximadamente, 1,5 puntos porcentuais.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que o re-Solve+ supón dar un paso adiante nos compromisos asumidos a través do Plan re-Forza 2010 do Igape para facer fronte ás restricións de crédito e facer posible que as pemes poidan acceder ao financiamento que precisan para o seu financiamento operativo e para consolidar as súas estruturas financeiras e mellorar os seus niveis de competitividade.

Ademais das sociedades de garantía recíproca Afigal e Sogarpo, as entidades financeiras adheridas polo de agora ao convenio asinado hoxe para activar o re-Solve+ son Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor, BBVA, Banco Gallego, Banesto, Santander, Bancaja, La Caixa, Caixa Rural Galega, Caja España, Banco Espíritu Santo, Banco Popular, Bakinter, Banco Caixa Geral e Banco Etcheverría.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia