Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Deputación achega por primeira vez á provincia a exposición Arte e Solidariedade

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, xunto ó Director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez, e o artista lucense Paco Pestana, presentou a exposición Arte e Solidariedade. Trátase dunha mostra benéfica, composta por 108 obras que outros tanto artistas exclusivamente galegos, -17 deles lucenses-, doaron a esta entidade sen ánimo de lucro, e coa que se conmemora o vixésimo aniversario da posta en marcha desta organización na Comunidade. Logo de estar en Ourense, Ferrol, Vigo e Pontevedra, a provincia lucense acollea por primeira vez grazas á colaboración da Deputación. O organismo provincial cedeu a Sala de Exposición do Centro de Artesanía e Deseño,- CENTRAD-.

Lara Méndez subliñou que “traemos a Lugo esta mostra para que, sumando esforzos, fagamos que Proxecto Home logre salvar a vida de outros 4.000 galegos como fixo dende a súa posta en marcha en Galicia no ano 1990”.

Pola súa banda, Ramón Gómez agradeceu a axuda da Deputación para “poder compartir esta iniciativa cos cidadáns de Lugo”, e destacou que “con esta mostra, coa que celebramos o noso vinte aniversario, queremos trasladar unha mensaxe moi clara ós cidadáns: aínda que xa levamos moito camiño andado, o fenómeno das drogas segue a ser unha pandemia, e unha causa da socidade. Debemos seguir arrimando o hombreiro para axudar a centos de toxicómanos e ós seus familiares”.

Mentras, Paco Pestana, un dos autores das obras expostas, incidiu en que “esta é unha exposición baseada na xenerosidade de 108 artistas galegos que, a libre albedrío, cederon traballos moi variados que versan sobre o humor, a templanza e ata o desquicio”.

Arte e Solidariedade presenta oleos, esculturas, gravados, fotografías, e ata debuxos. Todas as pezas estarán postas á venda. Os fondos recadados serán destinados a aumentar a actividade de Proxecto Home en Galicia.

Inauguración e horario

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, inauguran Arte e Solidariedade este xoves, ás 20:30 horas, na Sala de Exposición do Centro de Artesanía e Deseño. A mostra, que permanecerá na provincia ata o 1 de novembro para logo estar en A Coruña, contará co seguinte horario:

- de luns a venres: de 10:00 ás 14:00 horas pola mañá, e de 18:00 ás 21:00 horas pola tarde.

- fins de semana e festivos: de 18:00 ás 21:00 horas.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo