Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Antón Bao compromete a rehabilitación do futuro local da A.M. S. Bartolomeu de Vilalba

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, desprazouse até a parroquia de San Bartolomeu de Ínsua para acompañar ás compoñentes da asociación de Mulleres cuxa parroquia dá nome ao colectivo. Na visita, Antón Bao estivo acompañado tamén polo membro da corporación municipal de Vilalba e portavoz do BNG, Xosé Manuel Irimia.

As mulleres da asociación de San Bartolomeu de Ínsua guiaron ao vicepresidente da Deputación polas súas dependencias para mostrarlle os diferentes traballos de recuperación de oficios tradicionais que realizan, especialmente no traballo do liño, desde o cultivo da planta até a elaboración e confección dos diferentes artigos téxtiles. Ademais, mostráronlle outras actuacións que realizan a prol da continuación dos traballos tradicionais como son os diferentes obradoiros de cestería. O vicepresidente estivo atento en todo momento ás explicacións das mulleres que fan parte do colectivo, chamándolle especialmente a atención o proceso de elaboración de cestos tradicionais empregando materiais de refugallo reutilizados, neste caso follas de papel de vellos xornais.

Antón Bao salientou a relevancia social deste tipo de iniciativas que desenvolven as mulleres de Ínsua, “pensadas por e para poñer en valor a nosa cultura e o rico patrimonio material e inmaterial, como son os oficios tradicionais” e manifestou que desde a Área de Cultura da Deputación “estamos convencidos do noso traballo a prol do asociacionismo lucense, polo que seguiremos a apoiar a aqueles colectivos que funcionan como auténticos axentes sociais, dinamizadores da vida cultural por todo o noso territorio”.


Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo