Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Gómez Besteiro anuncia que a Deputación rematará a finais de mes a estrada da Pontenova a Augaxosa dotada con 1M€

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que o organismo provincial rematará a finais de outubro as obras de mellora que está a levar a cabo na estrada provincial que vai da Pontenova a Augaxosa, e que comunica este municipio co de Riotorto. Gómez Besteiro realizou este anuncio durante a inauguración da Praza dos Fornos, executada polo Goberno Central dentro do Fondo Estatal de Investimento Local (Plan E), e que cuxo proxecto foi financiado pola Deputación.

En total, o organismo provincial inviste na mellora deste vial de 16,5 quilómetros 1millón de euros. Os traballos inclúen o ensachamento do firme ata os 6,5 metros con aglomerado en quente, sinalización vertical e horizontal, biondas e ollos de gato. Gómez Besteiro subliñou que “despois de meses traballando nesta estrada a finais de outubro remataremos o treito que nos falta, o que vai dende o punto quilométrico 6,500 ó 0,000. É unha satisfacción voltar a este Concello e ver como a colaboración de administracións permite executar actuacións coma esta ou a praza que hoxe inauguramos”.

“A imaxe da Pontenova está cambiando”

O máximo mandatario provincial, participou xunto co Alcalde da Pontenova, Darío Campos, o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, e o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, no acto inaugural da Praza, na que se investiron 456.388 euros. Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “a imaxe da Pontenova está cambiando e esta praza é un exemplo de que como, grazas á colaboración a tres bandas: Goberno Central, Deputación e Concello, este municipio ten unha cara diferente”.
A Praza foi rehabilitada con cargo ó Fondo Estatal de Investimento Local e subvencionada pola Deputación dentro do Fondo Extraordinario creado voluntariamente en 2009 co obxectivo de crear emprego e de anticiparse á saída da crise. O proxecto incluiu, ademais da mellora da mesma, a instalación dunha rampla de acceso a minusválidos e un andén en lembranza da antiga vía ferroviaria que atravesaba a zona.

Na actualidade, consérvanse os 5 fornos de Vilaoudriz, permanecendo como un símbolo do que foi a mina e de cando o mineral extraído se comercializaba en países como Alemaña, Francia, Bélxica e Inglaterra e era arrastrado polo ferrocarril e embarcado no porto de Ribadeo. Dende 2008 a Deputación temén deu un forte impulso a estes elementos históricos incluíndoos nunha ruta específica do programa medioambiental Km0.

Preto de 2,7 millóns de euros para a Pontenova

A mellora da estrada provincial e da Praza dos Fornos súmanse a outras actuacións que o Deputación está a levar a cabo no municipio mariñano nos últimos tres anos e que en total ascenden a preto de 2,7 millóns de euros. É o caso do acondicionamento do río Eo; unha actuación moi demandada polos veciños deste Concello e para a que o organismo provincial destina 900.000 euros. Os traballos, que avanzan a bo ritmo, supoñen un investimento de 4,8 millóns, financiados nun 70% polo Ministerio de Medio Ambiente Rural e Mariño e nun 30% pola Deputación. O Concello asumiu a cesión dos terreos.

Asimesmo, dentro do Plan de Comunidades Veciñais, o organismo provincial subvenciou con 92.648 euros 15 novas obras neste municipio. Para conservación da rede viaria provincial aprobada ata 2012 destináronse máis de 370.000 euros, e 35.000 euros para obras do Plan de Pequenas Infraestrutras en Concellos de menos de 5.000 habitantes. A roza das estradas de titularidade da Deputación e as actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) centran o resto de investimentos executados pola institución provincial na Pontenova.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo