A Praza de Abastos de Lugo comparte espazo coas obras de artistas do proxecto Lug Es
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/exposicion_lug_es.jpg)
Nesta iniciativa participan artistas de diversas comunidades autónomas, que propoñen unha reflexión sobre a cidade e plasman a súa achega en lugares como a explanada do Edificio Administrativo da Xunta, o edificio Martínez –na Ronda da Muralla-, a subida á Muralla xunto á Porta de Santiago ou un aparcamento exterior na rúa Montevideo.
A acción está resumida nunha instalación multidisciplinar ubicada na Praza de Abastos, que ao longo da xornada de mañá sorprenderá aos usuarios do mercado ao compartir espazo cos postos de venda habituais.
Os artistas alóxanse na residencia xuvenil LUG II, que tamén depende da Consellería de Traballo e Benestar. Configuran este proxecto Verónica Eugaras Alcántara (natural de Pamplona), Marta Fernández Jódar e Miguel Ángel Moreno Carretero (Córdoba), Aitor Lagoma Barrena (Gipuzkoa), Paloma Montes López (Jaén), Abigail Narváez (Cáceres), e Lucrecia Ojjioni Giachero (Málaga).
Raquel Arias expresou a súa satisfacción porque a Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ) escollera as instalacións da Xunta entre os 243 centros de toda España, decisión na que pesou o completo proxecto presentado pola Dirección Xeral de Xuventude. As outras localidades seleccionas polo REAJ para o desenvolvemento do programa de mobilidade creativa foron Córdoba, Miranda de Ebro, Vic e Zaragoza.
O proxecto seleccionado, Lug Es, reflicte a identidade da cidade a través dalgúns dos seus elementos máis característicos, analizando ademais a relación desta co albergue xuvenil da Xunta.
A delegada territorial gabou “as condicións deste centro como espazo xuvenil” e reiterou “a aposta da Xunta porque as súas sedes se convertan en foros de actividades sociais, culturais e lúdicas”.
Ao mesmo tempo, Arias aplaudiu as actuacións realizadas polos artistas participantes “que embeleceron a nosa cidade e propuxeron elementos para a reflexión”, como é o caso das portas debuxadas diante do edificio da Xunta, concibidas pola artista como unha metáfora dos obstáculos que impiden o desenvolvemento en liberdade. A Delegada Territorial estivo acompañada polo Xefe Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, Antonio Dacal; pola Xefa de Servizo de Xuventude, Belén Casas; polo Director do Proxecto Juan Antonio Quiles e por tódolos artistas participantes na iniciativa.
Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo