O sabor da aventura está no mar potenciará o consumo infantil de peixe fresco
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/o_sabor_da_aventura_no_mar.jpg)
A campaña está destinada ao público infantil de entre 6 e 12 anos, facendo especial fincapé nos centros públicos do interior e dende este mes de outubro repartiranse en total 152.000 racións de peixe galego no curso escolar 2010-2011 en 158 colexios públicos de toda Galicia. Deste xeito, a Consellería do Mar pretende proporcionar coñecementos sobre o mundo do peixe aos nenos e transmitirlles a importancia da presenza do peixe e do marisco na dieta incidindo nas súas achegas nutritivas. Isto faino dun xeito lúdico e formativo, a través de dúas liñas de acción, un obradoiro dunha hora de duración por cada grupo de idade e o cátering semanal de pratos preparados a base de peixe galego fresco.
O obradoiro inclúe un breve conto cuxos protagonistas, 7 rapaces, teñen cada un un súper-poder vencellado a cada unha das vitaminas das especies que se van repartir nos centros escolares. Tamén unha obra de teatro que se centrará na importancia de comer peixe e de respectar a talla mínima.
As receitas do cátering están elaboradas a base de peixe fresco respectando os aspectos nutricionais e os gustos dos alumnos e alumnas. Algúns pratos que se degustan no marco da campaña son a fideuá de mexillóns, a hamburguesa de sardiña, a pizza mariñeira ou a lasaña mariñeira. As especies que a Consellería empregará son as capturadas polas organizacións de produtores, fundamentalmente xurelo, xarda, lirio e pescada, así como rodaballo, troita e mexillón.
Para o desenvolvemento completo da campaña e subministrar os servizos necesarios, a Consellería do Mar conta coa colaboración das Consellerías de Sanidade e Educación e asinou un convenio coas organizacións de produtores para que, a un prezo estipulado, subministren o peixe fresco aos colexios.
Novas tecnoloxías e redes sociais
“O sabor da aventura está no mar” tamén está presente na rede a través do espazo web http://www.osabordaaventuraestanomar.com/. A campaña tamén conta cun espazo na rede social Facebook, onde os nenos e nenas que o desexen ademais de facerse fans dos “Arroases” (Xurelo, Xarda, Lirio, Pescada, Rodaballo, Troita e Mexillón) e poden descargar fichas informativas destas especies e fondos de escritorio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia