Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Cultura propón unha achega ao surrealismo portugúes a través de Benvidos a Elsinore

A Consellería de Cultura e Turismo programa ata o día 14 de decembro na Casa da Parra de Santiago a exposición Benvidos a Elsinore, unha coidada selección da obra dos artistas Mário Cesariny e Artur Cruzeiro Seixas, considerados representantes históricos do surrealismo portugués. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, promove esta exposición que permitirá apreciar medio centenar de pezas entre óleos, debuxos e esculturas propiedade da Fundación Cupertino de Miranda. O conselleiro Roberto Varela inaugurará a mostra “Benvidos a Elsinore” ás 19,30 horas.

Tras realizar un percorrido pola mostra xunto ao presidente da Fundación Cupertino de Miranda, Pedro Alvares, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, afirmou que a exposición se enmarca nos “frutíferos diálogos e intercambios que nos conceden os Camiños de Santiago e o Xacobeo” e que fan “a nosa cultura máis forte, máis plural, máis aberta e máis dinámica”. Segundo López, a mostra “deixará unha importante pegada en todos aqueles que paseen por ela e contribuirá a enriquecer a oferta cultural de Galicia de distintas formas”.

En palabras do director xeral de Cultura, a través das obras de Cesariny e Cruzeiro Seixas “cumprirase a función de redescubrimento de dous creadores completos e extraordinariamente versátiles, renderase unha homenaxe a dous homes que tiveron que superar o difícil contexto sociopolítico do pasado século na Península Ibérica e revalorizarase a obra de dous magníficos artistas que aínda hoxe non gozan do recoñecemento que o seu legado merece”.

Francisco López enxalzou aos dous representantes do surrealismo portugués, asegurando que “a súa pintura, a súa poética e mesmo a súa vida, constitúen unha gran aposta pola liberdade”. O director xeral valorou o gran “corpus pictórico tan singular e atraínte que nace desas ansias de espontaneidade e independencia creativa” e apuntou que “nalgúns dos seus traballos pódese contemplar a inevitable influencia de grandes mestres como Salvador Dalí, Giorgio de Chirico ou Max Ernst”:

Para Francisco López, “Benvidos a Elsinore” supón “un novo exemplo da vontade e do interese da Consellería de Cultura e Turismo por achegar a Galicia mostras culturais internacionais de calidade”. “Nesta recta final do Xacobeo 2010, constitúe un motivo de felicidade que iniciativas culturais de primeiro nivel, esta exposición, continúen chegando a Galicia”, engadiu.

Artistas de referencia

“Benvidos a Elsinore” está formada por unha coidada selección de medio centenar de obras (óleos, debuxos e esculturas) dos artistas históricos do surrealismo portugués Mário Cesariny e Artur Cruzeiro Seixas. Devanditas obras forman parte dos fondos da Fundación Cupertino de Miranda que garda o maior fondo de obra do surrealismo portugués, así como todo o legado bibliográfico e documental dos creadores. É a primeira vez que se pode ver a obra destes artistas en Galicia. O contido do catálogo pódese consultar na web da Consellería de Cultura e Turismo http://culturaeturismo.xunta.es/.

A Fundación Cupertino de Miranda está ligada historicamente ao surrealismo portugués a través do seu creador, o propio Cupertino de Miranda. “Benvidos a Elsinore” amosa a relación frutífera de amizade e creativa que existiu entre Mário Cesariny e Artur Cruzeiro-Seixas e que perdurou por máis de 50 anos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia