Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta distribúe en internet e gratuitamente os temarios das oposicións

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presentou os primeiros temarios que distribuirá a Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP) a través da web e de xeito gratuíto. Esta iniciativa persegue facilitar a tarefa dos opositores libres e de promoción interna, ao dispoñer duns temarios de referencia e máxima fiabilidade.

Os primeiros temarios que se van distribuír son os correspondentes ao corpo de Axudantes Facultativos da Xunta de Galicia, escala de Axentes Facultativos Ambientais; aínda que elaboraranse para todos os procesos selectivos convocados pola Xunta de Galicia, tanto para persoal funcionario -de corpos xerais e especiais- como laboral.

Neste sentido, tense previsto que de inmediato sexa a quenda dos temarios do persoal de Condutores e que nos meses seguintes distribúanse os dos corpos de Administración Xeral da Xunta de Galicia. Todos estes documentos poderanse descargar ‘en liña’ a través da páxina web da Escola (http://egap.xunta.es/), sen ningún custe e en edición galega e castelán.

Alfonso Rueda quixo deixar claro durante a presentación que non se trata de temarios, respostas ou materiais oficiais, polo que en ningún caso vincularán a opositores ou tribunais. Trátase de instrumentos complementarios e contrastados que servirán de apoio e axuda como textos de referencia, pero nunca de forma exclusiva ou excluínte doutros materiais.

Contidos fiables e homoxéneos

Precisamente, explicou, a necesaria fiabilidade destes materiais esixiu unha coidada selección dos redactores, revisores e tradutores; o que implica unha complexa coordinación de equipos que garanta, ao mesmo tempo, a fiabilidade dos contidos e a homoxeneidade dos mesmos.

A redacción e revisión dos temarios foi realizada por funcionarios públicos do corpo superior e letrados da Xunta de Galicia, avogados do Estado, xuíces e maxistrados, notarios e rexistradores da propiedade e catedráticos e profesores universitarios. Doutra banda, os temarios dos corpos especiais contarán coa colaboración dos diferentes colexios profesionais e cos funcionarios dos ditos corpos que se determinen no seu momento.

Publicación progresiva

Os novos temarios estarán a disposición dos empregados públicos de xeito progresivo, en canto vaian rematando os procesos selectivos en marcha -para non causar disfuncións e inseguridades entre os actuais opositores que estudaron outros textos para este proceso- e ao tempo que se vaian aprobando os respectivos programas pola Dirección Xeral da Función Pública. Esta dirección constituíu en xullo deste ano a Comisión Técnica de Mellora de Procesos Selectivos, e dentro dela, unha subcomisión para o estudo e preparación de bases das convocatorias e os programas e de procesos selectivos.

Requirimento constante

A elaboración dos temarios pola EGAP era un requirimento constante das organizacións sindicais e do colectivo dos empregados públicos, así como da sociedade en xeral, xa que aos opositores libres lles facilitará enormemente a súa tarefa ao dispoñer por fin duns temarios de referencia e lle proporcionará unha garantía de fiabilidade dos temas utilizados na súa preparación.

Ademais, os temarios facilitarán a selección e promoción interna do persoal ao poñer a disposicións dos interesados un material de calidade redactado por persoal propio das administracións públicas e de recoñecida autoridade.




Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia