Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Deputación leva investido preto de 2,5 millóns de euros en Monterroso no que vai de ano

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, supervisaron os traballos de mellora que o organismo provincial executou na área recreativa A Penela de dito municipio e para os que achegou 750.000 euros. Gómez Besteiro salientou que con estas actuacións a Deputación leva investido preto de 2,5 millóns de euros en Monterroso no que vai de 2010.

Deste xeito, dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública dotado de 60 millóns de euros e posto en marcha para manter postos de emprego e adiantar a saída da crise na provincia; o organismo provincial destinou preto de 2 millóns a este Concello da Comarca da Ulloa: 1,2 millóns para a construción dun polideportivo e unha piscina climatizada, e 750.000 para a mellora nos accesos e instalacións de dito espazo verde.

Concretamente, as actuacións realizadas na Penela foron as seguintes: instalación da rede de saneamento, de baixa tensión, de telefonía e telecomunicacións, mobiliario urbano, xardinería, alumeado público, construción de beirrarúas, e mellora de case 1 quilómetro da estrada provincial 3304 que dá acceso a esta zona do río Ulla. Deste xeito, ademais dos traballos de pavimentación, aglomerado en quente, sinalización vertical e horizontal, a Deputación logrou que esta vía acadase un ancho de 8 metros posibilitando zonas de aparcadoiro.

A maiores, Monterroso recibiu 126.000 euros para a conservación de 33 quilómetros de estradas provinciais; 5.700 euros para a roza; 48.500 euros para a execución de pequenas obras, e 300.000 para a implantación da administración electrónica que logrará a Deputación na provincia un tempo récord de menos de 1 ano grazas ó Innova-TE, o programa tecnolóxico dotado de 9 millóns de euros, co-financiado nun 70% pola Unión Europea e nun 30% polo INLUDES.

Encontro con MOPAN

O titular do organismo provincial aproveitou a visita a Monterroso para manter un encontro coa dirección de MOPAN, unha cooperativa gandeira integrada por uns 100 socios dos municipios de Portomarín, Guntín, Antas de Ulla ademais do monterrosino. Gómez Besteiro presentoulles o proxecto de construción do primeiro centro de recría público en España que está a impulsar a Deputación nas instalacións da Granxa Gayoso Castro co obxectivo de contar coa colaboración desta entidade para a súa posta en marcha en 2011. O Presidente salientou que se trata dunha revolucionaria iniciativa coa que se busca xerar riqueza na provincia, manter e crear posto de emprego, así como aforrar custes ós gandeiros, e lembrou que actualmente se atopa á espera da Declaración de Impacto Ambiental, -DIA-, que debe conceder a Xunta para iniciar as obras.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo