Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A mostra Rosalía, Sempre Viva. Viva Rosalía! conmemora o 125 aniversario da escritora

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, asistiu á inauguración da mostra itinerante “Rosalía, Sempre Viva. Viva Rosalía!”, que se elaborou co gallo do 125 aniversario da escritora dende a fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración da Área de Cultura da Deputación. Esta mostra permanecerá ata o 31 deste mes no Museo de Lugo, e xunto a ela, celebraranse outros actos que conmemorarán o aniversario de Rosalía de Castro: interpretarase un recital-concerto, titulado “Ao raso coas lebres”, e presentarase o libro “O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo”.

A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da literata e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea. A mostra está conformada por vinte paneis compostos de elementos gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra de Rosalía, realizada cunha grande seriedade e rigor e acompañada de recursos audiovisuais. Dado o seu carácter itinerante, ten o obxectivo tamén de aproximar a figura da grande escritora a concellos, asociacións culturais e centros de ensino. Acompáñase de dous audiovisuais. O primeiro deles, co mesmo título que a exposición, condensa en seis minutos os valores da obra rosaliana. O segundo é "Ignotus", unha animación en plastilina de 16 minutos de duración, feita sobre o texto de Manuel Murguía que leva o mesmo título.

Para conmemorar o 125 aniversario de Rosalía, no Museo de Lugo tamén se levará a cabo un recital-concerto titulado “Ao raso coas lebres”, o xoves día 21 ás 20:00 horas. Esta obra tenta mostrar a rebeldía e lucidez dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvelou a situación do pobo e a cultura galega, comezando pola lingua e o seu orgullo pola mesma e contundencia fronte ás agresións. “O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo”, de Pilar García Negro, presentarase o día 28 de outubro, xoves, ás 20:00 horas. En el pode apreciarse unha nova mirada sobre Rosalía, salientando o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada obre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo