Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Política Agroalimentaria esquécese de abrir o prazo para solicitar cota do Fondo Estatal

A Consellería de Política Agroalimentaria aínda non publicou a orde para que os gandeiros e gandeiras de Galiza poidan solicitar cota láctea do Fondo Estatal. En realidade, a cota ofertada polo Ministerio de Agricultura na Orde APA 2727 / 2004 de 26 de xullo é de miseria: 7.938 toneladas a 39 céntimos por litro. Nembargantes, esa non é xustificación suficiente como para que Política Agroalimentaria se despiste. Teñamos en conta que o Real Decreto 347 / 2003 do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión da cota láctea, di no seu artigo 30 que a convocatoria e tramitación para a venda de cota do Fondo Estatal lle corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas. En Galiza, polo de agora, Política Agroalimentaria non fixo nada ao respecto. Ignoramos as razóns deste clamoroso despiste da Consellería, e non sabemos se terá que ver coa crise interna do PP ou co troco recente de Conselleiro, pero agardamos que publique canto antes esa orde no Diario Oficial de Galicia, pois se o prazo remata o 15 de outubro, e temos a ponte do Pilar polo medio, é de prever que cando moitos gandeiros e gandeiras se decaten de que poden mercar algo de cota, xa lles terá pasado o prazo para solicitala.
Sindicato Labrego Galego (SLG)