A principios de 2011 o 98% da poboación galega beneficiarase da receita electrónica, según Sanidade

Así o explicou a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos, quen engadiu que ao longo dos próximos meses farase a incorporación progresiva do resto de centros nos que non hai imposibilidades técnicas, despois de realizar a formación dos profesionais no novo sistema. “Isto nos sitúa a principios do ano 2011 cunha expectativa de cobertura do 98% da poboación galega”, destacou.
Neste sentido, lembrou que en abril de 2009 tan só estaban incluídos no proxecto de receita electrónica 26 centros de saúde e o 7% das farmacias. A día de hoxe, subliñou, a porcentaxe de dispensación electrónica supera o 65% (con 160.000 diarias): dispensáronse xa máis de 20 millóns de receitas electrónicas e están xeradas no sistema 30.000.000 receitas máis (os doentes crónicos poden ter prescrito o tratamento de todo un ano).
Grande investimento nas telecomunicacións
Sagrario Pérez aseverou que tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde teñen realizado un gran investimento na súa rede de telecomunicacións para asegurar o éxito de todos os seus proxectos de tecnoloxías da información e comunicacións, incluído o de receita electrónica.
Polo tanto, na actualidade contan con oito centros de procesamento de datos: un central e sete nos centros hospitalarios das áreas sanitarias que actúan de nodos para o servizo dos centros da súa área de influencia. Os oito centros constitúen unha rede troncal de alta dispoñibilidade e capacidade replicada con dúas tecnoloxías distintas; e os centros de saúde conéctanse, á súa vez, a esa rede troncal tamén a través de dúas tecnoloxías distintas (ambas activas) para asegurar a máxima dispoñibilidade nas comunicacións.
Segundo a cobertura proporcionada polo operador, explicou a secretaria xeral, a provisión de servizos pode facerse por fibra óptica, punto a punto ou por ADSL. Ademais, algúns dos centros comunícanse por radioenlaces. “Isto significa ter a 594 centros sanitarios de todo tipo conectados, e a inmensa maioría dos centros de saúde con acceso a historia clínica electrónica”, observou. As farmacias, á súa vez, utilizan tamén distintos tipos de tecnoloxías replicadas.
Na actualidade o despregue de fibra óptica chega a todas as cidades e, polo tanto, a todos os centros hospitalarios e tamén a 57 centros de saúde. A inmensa maioría dos centros de saúde do Sergas dispoñen dun ancho de banda suficiente para soportar a historia clínica electrónica, se ben hai seis con problemas de ancho de banda para receita electrónica e 25 sen posibilidade de receita electrónica, situados en zonas rurais; situación que afecta tamén a 57 oficinas de farmacia.
“A resposta deste Goberno é clara neste aspecto, habilitando un plan de banda larga, cunha forte inversión prevista de 102 millóns, na que a sanidade goza da maior das prioridades”, subliñou Pérez Castellanos.
Aposta pola xestión aos pacientes crónicos
A directora de Asistencia Sanitaria, Nieves Domínguez González, destacou en Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, que a xestión axeitada dos pacientes crónicos está sendo abordada dende o Servizo Galego de Saúde garantindo as prestacións máis axeitadas para aquelas persoas que xa desenvolveron a enfermidade e dedicando importantes esforzos á súa prevención.
Por elo, a Estratexia Sergas 2014: a sanidade pública ao servizo do paciente inclúe, entre as liñas estratéxicas o modelo de xestión das enfermidades crónicas. En concreto, estase a facer un enfoque específico para cada grupo de pacientes con enfermidade crónica, prestando especial atención aos pacientes pluripatolóxicos e aos pacientes con cancro.
Entre as primeiras medidas postas en marcha destaca a realización dun estudo para coñecer a realidade do seguimento das patoloxías crónicas máis prevalentes (diabete, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica e, cardiopatía isquémica, hipertensión arterial, hipercolesterolemia, asma e obesidade). Unha vez rematado se traballará na posta en marcha de distintas liñas que podan mellorar os resultados de saúde dos paciente que teñen estas patoloxías crónicas.
Outra das actuacións neste ámbito é o desenvolvemento dun plan formativo para a optimización dos recursos de cura en ambente húmido. O obxectivos esenciais de este plan son, entre outros, mellorar a asistencia a pacientes con úlceras por presión e feridas, reducir a incidencia e prevalencia das úlceras por presión e feridas crónicas e mellorar a calidade de vida dos pacientes con feridas. Tamén se están a realizar os cursos formativos que contarán cuns 10.000 profesionais sanitarios e sociosanitarios.
Ademais, a posta en marcha da Escola de Saúde para Cidadáns é unha iniciativa para favorecer a participación dos pacientes no sistema sanitario público. Os pacientes crónicos atoparán nela información, resposta a moitas das súas dúbidas, actividades formativas sobre as súas doenzas e os plans de autocoidados, entre outros contidos de interese.
Por outro lado, a posta en marcha da receita electrónica é unha medida que incide de xeito destacable na mellora do manexo da enfermidade crónica.
Nieves Domínguez tamén destacou que se iniciará un programa específico de mellora da calidade da atención e a prestación farmacéutica aos pacientes crónicos e polimedicados, tan habituais nas consultas. Realizarase mediante un asesoramento sobre o uso de fármacos, a educación sanitaria e a axeitada colaboración entre os profesionais sanitarios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia