Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A I Feira Galega de Voluntariado arranca con medio centenar de entidades

A I Feira Galega de Voluntariado comezou en Santiago coa participación de máis dun millar de persoas e medio centenar de entidades de voluntariado. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou a iniciativa que será o punto de partida da celebración en 2011 do Ano Europeo das Actividades de Voluntariado que fomenten unha cidadanía activa.

De feito, a titular da área autonómica adiantou que a comunidade autónoma será o próximo ano a sede do Congreso Estatal do Voluntariado coincidindo con esta data.

Con respecto á Feira Galega de Voluntariado, Mato explicou que a súa principal finalidade é difundir o imprescindible labor que desenvolven as entidades de acción voluntaria e agradecer “o traballo xeneroso e altruísta” dos voluntarios.

Tras percorrer todos os stands que están a participar na feira, Mato destacou a aposta do Goberno galego por “unha acción voluntaria aberta e universo” e, por iso, indicou que a feira se configura como “un espazo onde existe a participación directa da cidadanía”.

Ao evento, ademais das 50 asociacións que toman parte do mesmo, acudirán máis de 800 estudantes de bacharelato e FP. Así mesmo, máis dun centenar de persoas participarán no programa paralelo de conferencias que se celebrará mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Anteproxecto de Lei de Acción Voluntaria

O conxunto de relatorios que terá lugar na EGAP rematará co World Café, unha dinámica que se implantará por primeira vez nun congreso oficial de voluntariado en Galicia, coa que se pretende acadar conclusións no eido do voluntariado. Así, formaranse cinco grupos de traballo nos que se debaterán formas para contribuír a un futuro positivo do voluntariado na comunidade autónoma.

Con respecto aos relatorios, abordaranse, entre outros aspectos, o anteproxecto de Lei de Acción Voluntaria, o Servizo de Voluntariado Europeo e o internacional.

Precisamente, Mato referiuse ao anteproxecto de Lei de Acción Voluntaria lembrando que o borrador xa foi remitido en agosto ás asociacións de acción voluntaria para que fixeran as súas achegas. De feito, a conselleira anunciou que as alegacións xa se resolveron. Así, en próximas datas procederase á solicitude de informes da Xunta para posteriormente enviar o documento ao Consello da Xunta. O proxecto entrará no Parlamento o próximo ano.

“O noso obxectivo é facer unha normativa máis eficiente e efectiva e adaptala ás novas liñas do voluntariado da Unión Europea”, preciso a titular de Traballo e Benestar.

O anteproxecto de lei propón, entre outros temas, como novo sector da acción voluntaria o fomento das novas tecnoloxías e incorpora a promoción do voluntariado corporativo. Ademais, tamén avoga por ampliar o rexistro de acción voluntariado.

Así mesmo, a conselleira recordou que a Xunta está a traballar na elaboración do Plan Galego de Voluntariado 2011-2015

Dous espazos diferenciados

O evento contará con dous espazos diferenciados. Por unha banda, na zona de expositiva atópanse os stands de cada unha das entidades que están a participar Nestas casetas, as diferentes organizacións exhibirán ao longo de catro xornadas todos os seus proxectos.

O segundo espazo da Feira Galega do Voluntariado 2010 está dedicado ao desenvolvemento de múltiples e diferentes actividades de ocio, abertas a todo o público. Alí terán lugar desde actuacións de música e danza ata diversas exposicións e a realización de obradoiros de reciclaxe, globoflexia, botóns, papiroflexia, maquillaxe, esponxas ou de títeres.

En definitiva, o que a Xunta pretende co desenvolvemento da I Feira Galega de Voluntariado é un espazo de “cooperación horizontal e de converxencia multisectorial que dea visibilidade ás actividades solidarias e de traballo voluntario realizadas por entidades de acción voluntaria e os propios voluntarios e voluntarias”, concluíu Mato.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia