Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Uned en Lugo inaugura o curso académico 2010-11

O vicepresidente da Deputación e presidente do Padroado da UNED en Lugo, o nacionalista Antón Bao, asistiu ao acto de inauguración do curso académico 2010-2011 da Universidade de Educación a Distancia (UNED) en Lugo. Ao acto, que se celebrou no edificio Forcam na rúa Cántigas e Frores, asistiron tamén a vicerreitora de Tecnoloxía da institución, Covadonga Rodrigo San Juan, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o vicepresidente do Padroado, J. Clemente López Orozco, o director do Centro Asociado lucense, José Luis Prieto Arroyo.

Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación ratificou o apoio da Área de Cultura á UNED, xa que “tamén as ensinanzas superiores deben ser accesíbeis para todas as persoas, independentemente do lugar no que se atopen”. Grazas ao compromiso da Área de Cultura e Deporte coa UNED, “Lugo conta cun centro asociado con máis de 1.500 alumnos e alumnas lucenses matriculados, ao que hai que engadir aqueles dos outros centros de Viveiro, Foz e Monforte de Lemos”, lembrou Bao.

Tralas palabras de benvida de Antón Bao, Ana Belén Traseira, secretaria do centro asociado, procedeu á lectura da Memoria do pasado curso e, posteriormente, a profesora de Economía Aplicada e directora do grupo de investigación de Economía pesqueira e recursos naturais da USC, María del Carmen García Negro, ofreceu a lección inaugural do curso, unha conferencia titulada “A Universidade e o crecemento económico”.

O éxito da UNED en Lugo constátase no nivel e número de alumnos e na ampla oferta de titulacións ás que se pode acceder: este curso, 9 novos grados sumáronse aos 11 xa implantados o curso pasado, conformando un total de 20 titulacións de grao adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, xa totalmente axustados aos plans de Boloña.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo