Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O XXVIII Outono fotográfico leva máis dun cento de exposicións a 30 cidades e vilas de Galicia

O XXVIII Outono fotográfico levará máis dun cento de exposicións, 64 individuais e 45 colectivas, a trinta cidades e vilas da comunidade galega. Un total de 635 profesionais participarán este ano no evento financiado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A iniciativa, coordinada pola Casa da Xuventude de Ourense, vén marcada este ano polo incremento do número de participantes, mostras individuais e colectivas, salas e espazos expositivos que as acollerán, así como das actividades previstas e dos organizadores.

O ‘Outono fotográfico’ naceu en 1983 co obxectivo de dar a coñecer en Ourense as tendencias internacionais máis actuais no eido da imaxe a, ao mesmo tempo, tratar de dar saída aos fotógrafos galegos, especialmente aos máis novos, nunha actividade con proxección.

As distintas exposicións que acollerán as salas de fundacións, galerías de arte, cafés e sedes de asociacións permitirán difundir os traballos de fotógrafos novos e galegos, así como os de destacados profesionais de relevancia internacional. Case a metade das salas e espazos expositivos nas que se exhibirán as mostras, un total de 89, están situadas na capital ourensá.

O catálogo coas fotografías incluídas nesta iniciativa mantén a estrutura de anos anteriores. Ábrese con dous textos, un ensaio de Antonio Soria Rocafort e unha narración breve de Marco Valerio Lama. A continuación figuran catro capítulos dedicados a tres exposicións, ‘Pano de Fondo’, ‘Álbum familiar’ e ‘Cambio de posición’; e unha proxección, ‘Fronteira’.

Tamén se inclúe unha ampla selección da obra de profesionais que participan nas exposicións da presente edición. O programa e as fotografías incluídas no catálogo de ‘Outono fotográfico’ poden consultarse na páxina web www.outonofotografico.com. A inauguración celebrarase maña a partir das 20.30 horas no Centro Cultural da Deputación de Ourense.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia