Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O libro O Clamor da rebeldía, de Pilar García Negro, conmemora o 125 aniversario de Rosalía

Presentouse no Museo de Lugo o libro “O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo”, que gañou o premio Vicente Risco de María Pilar García Negro, coa presenza de Antón Bao, vicepresidente da Deputación, Aurelia Balseiro, directora do Museo, e a propia autora da obra. A presentación enmárcase nunha serie de actos que se programaron para conmemorar o 125 aniversario da escritora. Dende a fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, chegou a Lugo a mostra itinerante “Rosalía, Sempre Viva. Viva Rosalía!” a pasada semana, e en conmemoración do aniversario da primeira feminista galega tamén se interpretou un recital-concerto, titulado “Ao raso coas lebres”, o pasado xoves 21.

Rosalía de Castro foi a escritora que inaugurou o ensaio como xénero literario na literatura galega contemporánea. Así o certifican as súas introducións a “Cantares gallegos” (1863) e a “Follas novas” (1880), que son moito máis do que prólogos ao uso. Esta innovación reforza o carácter profundamente intelectual e premeditado dunha obra literaria que se pensa e se explica a si mesma, e que a autora coloca ao servizo da patria galega e da lingua galega. Xogou un papel pioneiro no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller, a apoloxía das súas conxéneres e a solidariedade coas duplas vítimas do sistema, por mulleres e por galegas. É, sen dúbida, a primeira feminista da nación galega. Tanto a súa personalidade como a súa obra son elocuentes dunha sintonía que eleva a lingua abaixada do seu pobo, en alianza coa defensa das mulleres e da nación mesma. Expresará como ningún outro autor do seu tempo a apoteose da subordinación e, asemade, o clamor da rebeldía.

María Pilar García Negro (Lugo, 9 de outubro de 1953) é profesora da Universidade da Coruña e escritora. Doutora en Filoloxía Románica, colabora habitualmente na prensa e en revistas especializadas. Participou en congresos sobre sociolingüística, linguas minoritarias e non normalizadas, feminismo e literatura. Publicou numerosos estudos sobre autores e autoras galegos coma Rosalía de Castro, Castelao, Villar Ponte, Blanco Amor. Foi Deputada no parlamento galego polo BNG entre 1989 e 2003. Entre as súas obras, destacan “33 aproximacións á literatura e á língua galega” (1984, 1990), en colaboración con Xosé Mª Dobarro; “O galego e as leis. Aproximación sociolingüística” (1991), Sempre en galego (1993, 1999), “O ensino da língua: Por un cámbio de rumo” (1995), en colaboración con Xoán Costa Casas; e “Arredor de Castelao” (2001), entre outras.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo