O TSXG descarta procesar ao conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/agustin_hernandez_rp_2.jpg)
Os populares galegos fan fincapé en que o Tribunal Superior de Xustiza confirmou que a denuncia política iniciada polos socialistas galegos o día da pegada de carteis das eleccións europeas só tiña unha intención: manchar o nome do conselleiro como forma de gañar votos.
Nesta liña, o Partido Popular de Galicia salienta que este novo varapao xudicial únese á decisión do TSX de non atender á denuncia dos socialistas acerca da paridade existente no Goberno galego e demostra que o PSOE se equivocou ao pretender poñer en mans da Xustiza a súa estratexia de oposición.
Os populares galegos critican que o PSOE sexa un partido moi dado a difamar e recoméndanlle aos socialistas que acudan ás hemerotecas e revisen o que dixeron sobre a figura do conselleiro nas últimas 70 semanas e pidan perdón polas súas calumnias.
O Partido Popular de Galicia invita aos socialistas a mirarse a si mesmos antes de erguer o dedo acusador contra os demais para que se dean conta de que teñen moito de difamadores e moi pouco de políticos.
Segundo os populares galegos, aos membros do PSOE enchéuselles moito a boca pedindo ceses e facendo linchamentos públicos polo que o menos que poden facer agora é ter a decencia de pedir desculpas agora ao titular de Medio Ambiente, á Xunta de Galicia e ao Partido Popular.
Por outra banda, o Partido Popular de Galicia recoméndalle ao PSOE que cambie a súa estratexia política, baseada en atacar aos populares e ao Goberno galego, por outra que se fundamente en mirar polo interese común dos galegos e por actuar con sentido de país, defendendo os intereses da Comunidade en temas como o decreto do carbón, Vulcano ou o apoio ao Xacobeo por parte do Estado.
Lamentablemente, o PSOE parece entender a política como unha loita encarnizada por acadar o poder en vez de concebila, ao igual que a Xunta e o PPdeG, como unha ferramenta para traballar polos cidadáns.
O PSOE de Vázquez patrocina unha política rastreira. Para os populares galegos, a oposición dura pero sensata é estendible, non así o é a oposición dura pero ruin.
Gabinete de Comunicación do Partido Popular de Galicia (PPdeG)