Ángeles Caso, Javier Reverte e Susana Fortes, no congreso De Miss Marple a Lisbeth Salander

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, e a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da Universidade de Santiago de Compostela, Benita Silva, presentaron hoxe en rolda de prensa a programación e os obxectivos deste congreso que se celebrará os próximos 24 e 25 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
González, que tivo unhas palabras de recordo para a muller que onte foi asasinada pola súa parella en Sevilla, lembrou que o congreso será “unha boa forma de acercar ás persoas á grave problemática da violencia de xénero a través doutra perspectiva, a literatura”.
A responsable de igualdade do goberno galego sinalou que, nos últimos anos, grazas ao éxito da literatura negra escandinava e sobre todo da Triloxía Millenium de Stieg Larsson, particularmente do seu primeiro volume, “Los hombres que no amaban a las mujeres”, asistimos ao descubrimento da literatura, e particularmente da novela, “como unha ferramenta útil para denunciar a violencia que sofren as mulleres no ámbito da parella”, e para “sensibilizar ao público lector sobre a necesidade de ter un posicionamento claro e contundente no rexeitamento desta violencia que afecta a todas as sociedades e todas as culturas”.
Pola súa banda, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, asegurou que “a literatura está a dar forma en niveis moi profundos a experiencias que nos salpican todos os días; converte actos miserables en materia asimilable para a sociedade, e dá pautas para comprender o fenómeno, tomar consciencia”. Deste xeito, segundo o director xeral, “a través dos libros cada un de nós podemos pór o noso grao de area para acadar a comprensión e o entendemento, para que todas as persoas poidamos habitar o mesmo mundo, coas nosas diferenzas e discrepancias”.
Asemade, Francisco López recordou que dende a Consellería de Cultura e Turismo, “temos clara a idea de que a creación artística e a literaria teñen moitas vertentes prácticas, que lles permiten aos distintos colectivos de mulleres e de homes avanzar na concordia e entenderse a si mesmos como forma de aceptar aos demais. “A creación literaria tamén nos permite ver que na outra parte existen sentimentos, verdades ou crenzas demasiado valiosas para convertelas en diana dunha visión estreita, na que o propio agresor carece de consideración por si mesmo”, engadiu.
A literatura e a violencia de xénero
A secretaria xeral explicou que o obxectivo deste congreso é falar de literatura e de violencia de xénero desde dúas perspectivas diferentes: presentar unha panorámica deses espellos que nos proporciona a literatura e nos que se mira unha sociedade na que as mulleres teñen desempeñado sempre unha posición subordinada, como fillas, esposas ou nais, pero nunca como elas mesmas; e recabar as opinións máis autorizadas do que está a ocorrer agora mesmo na literatura galega e española en relación con este grave problema da nosa sociedade.
Durante estes dous días en Santiago reuniranse as máis destacadas especialistas universitarios na materia, como Mª José Porro ou Angeles de la Concha, e algúns dos escritores e escritoras máis reputados de Galicia e de España, como Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Luisa Castro, Xosé Carlos Caneiro, Angeles Caso, Susana Fortes, Javier Reverte, Nativel Preciado ou Lola López Mondéjar.
Entre os temas que se van a abordar está a ”Casuística e imaxinario da violencia contra as mulleres na literatura”, “Literatura e mito na desarticulación da violencia de xénero”, “A violencia de xénero na literatura galega”, “A percepción da violencia contra as mulleres no discurso literario masculino” “Os malos tratos na literatura” ou “O papel das escritoras e escritores fronte á violencia de xénero”.
O cine tamén terá o seu espazo, e proxectaranse as catro curtametraxes premiadas polo Ministerio de Igualdade contra a violencia de xénero: “Vive ou morre”, de Lluc Puig-IES Ses de Cardedeu-Barcelona; ”Nunca é tarde para facerte valer”, de Bianca Ancares-CEB Cerredo-Asturias; “Senrazón”, de Marta Blanco-IES Carlos Casares-Viana do Bolo-Ourense; e “Sen pensalo dúas veces”, de Mª Luisa Segarra, Saray Ferrer e Mª Dolores Olivares-IES Carrús-Elche-Alicante.
Durante o congreso tamén se presentará unha pequena guía de lecturas contra a violencia de xénero, onde están incluídas varias das obras dos escritores e escritoras que participarán no congreso, e tamén moitos máis. A guía, que foi elaborada polo instituto de ensino secundario do Carballiño, pretende converterse en material para recomendar lecturas á xente máis nova co obxectivo de que reflexionen sobre unha práctica que temos que erradicar coa sensibilización de toda a sociedade.
A asistencia ao congreso é totalmente gratuíta, aínda que é preciso inscribirse, ata o próximo 20 de novembro, na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade www.mulleresengalicia.es . Ademais, o alumnado da USC poderá obter un crédito de libre configuración.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia