Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Casahamlet ofrece un recital-concerto no marco da mostra Rosalía, sempre viva. Viva Rosalía!

O delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, presentoou o recital-concerto a cargo de Casahamlet que se celebrou no marco das actividades complementarias da exposición "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!”. Esta mostra permanece no Museo do Mar de San Cibrao dende o pasado martes día 2 e ata o vindeiro día 15. O recital desta tarde xa se interpretara con grande éxito entre os lucenses mentres a exposición se mostrou no Museo de Lugo, o pasado mes de outubro. "Ao raso coas lebres. Versos de Rosalía de Castro", a cargo da Compañía Casahamlet, tenta mostrar a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola conciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións.

Co gallo do 125 aniversario da escritora, dende a fundación Manuel María de Estudos Galegos e coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, chegou a Lugo e posteriormente a San Cibrao a mostra itinerante “Rosalía, Sempre Viva. Viva Rosalía!”. A exposición fai un percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra de Rosalía de Castro, e así nos mostra a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e que foi fundadora da literatura galega contemporánea. Está conformada por vinte paneis con gráficos e textos que repasan os aspectos máis relevantes da vida e obra da escritora, realizada cunha grande seriedade e rigor e acompañada de recursos audiovisuais que permiten que o público interactúe cos seus distintos elementos. Ten o obxectivo tamén de aproximar a figura da grande escritora a concellos, asociacións culturais e centros de ensino. O primeiro dos audiovisuais que acompañan a mostra leva o mesmo título que a exposición e condensa en seis minutos os valores da obra rosaliana. O segundo é "Ignotus", unha animación en plastilina de 16 minutos de duración, feita sobre o texto de Manuel Murguía que leva o mesmo título.

O libro “O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e Feminismo”, de Pilar García Negro, presentarase a próxima semana, o martes día 9 de novembro. En el, pode apreciarse unha nova mirada sobre Rosalía, salientando o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada obre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo