Asinado o convenio que convirte á igrexa de S. Pedro de Alcántara, en Mondoñedo, en centro cultural

As obras de acondicionamento do contorno desta igrexa da Alcántara leváronse a cabo coa achega do Ministerio de Vivenda, e inauguráronse fai poucas semanas. A actuación que realizará a Área de Cultura da Deputación, como indicou Veiga, “encherá de contido a igrexa, poñéndoa en valor como un centro cultural que traerá un grande beneficio ao concello de Mondoñedo”.
Orlando González manifestou a súa satisfacción pola acción que se vai realizar, e lembrou que “a igrexa está desacralizada, é de propiedade municipal. Xa tivo historicamente unha vinculación co uso cultural do seu espazo, especialmente no ámbito musical”. S. Pedro de Alcántara aparece citada en varios escritos históricos como “Teatro da Alcántara”, polo que reconvertela para uso sociocultural confírmase como unha iniciativa moi positiva.
Deste xeito, crearase un centro cultural co patrimonio literario e cultural de Mondoñedo, e o centro será entendido de dúas maneiras: por unha banda, como centro contedor que se empregará para expoñer fondos e recibir visitantes, e ao mesmo tempo un centro produtor de contidos e promotor de actividades de divulgación, de cara á apertura á sociedade. Polo tanto, a unha oferta expositiva e cultural terá carácter permanente, e as iniciativas que se xeren no novo centro xogarán un papel importante en beneficio do desenvolvemento e dinamización cultural, social e económica de Mondoñedo.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo