Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Agadic promove a feira estratéxica do sector cultural galego: Cultural 2010

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo participaron en Pontevedra na presentación do programa de actividades profesionais e públicas do Culturgal 2010. O director da Agadic cualificou este evento como “a feira estratéxica” para a proxección exterior e interior de todo o sector cultural galego. Como principal entidade patrocinadora da terceira edición deste encontro, a Agadic promove a presenza en Culturgal de profesionais e artistas procedentes de Brasil e Portugal, apostando así por unha feira aberta tanto á sociedade galega como ao resto do mundo, na procura dunha maior internacionalización da nosa cultura.

Do mesmo xeito, o secretario xeral de Política Lingüística destacou o Culturgal "como unha canle importante para lanzarlle unha mensaxe clara á sociedade: o galego ten unha forte presenza nas industrias culturais". "Neste sentido, o Culturgal permite amosarlle á cidadanía a importancia do sector cultural para a difusión da lingua galega", dixo. Así mesmo, Anxo Lorenzo incidiu no Culturgal como “un escenario a través do que mostrar as accións que a secretaría xeral está a levar a cabo nos distintos sectores sociais, concretamente os principais programas que ten actualmente en marcha”. Respecto ao ámbito cultural, o responsable de Política Lingüística afirmou que se trata “dun sector moi ben asentado e que ten un peso decisivo para a promoción do uso do galego, polo que hai que seguir ofrecéndolle todo o apoio posible".

No acto de presentación, no que tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, e diversos representantes de outras institucións copatrocinadoras, debullouse a variada e intensa programación que Culturgal 2010 levará a cabo do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

“Se é cultura, está no Culturgal”

Baixo o lema Se é cultura, está no Culturgal, entidades e empresas do sector exhibirán os seus produtos e servizos a través dunha zona de máis de 50 expositores e de 36 horas dunha programación que inclúe presentacións, exposicións, showcases e obradoiros pensados para todos os públicos, así como foros de debate dirixidos a profesionais.

Juan Carlos F. Fasero valorou expresamente a circunstancia de que a feira sexa promovida e deseñada polo mesmo sector, o que –apuntou- é “a maior garantía do seu futuro e o mellor xeito de que as ulteriores edicións do evento poidan chegar a financiarse de xeito que a súa continuidade non dependa tan estritamente das administracións”.

O director da Agadic incidiu na importancia do valor económico das industrias culturais galegas, cuxa produción cifrou nun 2,2 do PIB (Produto Interior Bruto). Explicou tamén que o esforzo de inversión de Agadic en Culturgal –que chega ata o 80% do custo total da feira- faise principalmente na aposta polas dúas vías principais de proxección exterior que se abren a través de Cultural con Brasil e con Portugal. Así, entre as actividades concretas apoiadas pola Agadic sobresaen as que teñen que ver coa creación de sinerxías con axentes culturais de Portugal e Brasil a través de diferentes mesas de debate, unha exposición sobre a evolución da gravación sonora en Galicia e numerosas actuacións con propostas galegas, portuguesas e brasileiras.

Delegación brasileira

Así, ás 21.00 horas do venres 26 dará comezo unha noite galego-brasileira que ofrecerá os concertos de Érika Machado e Kiko Klaus, dous dos artistas revelación de Minas Gerias e representantes dos novos rumbos emprendidos pola música brasileira actual, e o espectáculo Ordem e progresso, a través do que o humorista Carlos Blanco propón unha ollada cara ao país americano co acompañamento musical do Sergio Tannus Trío.

A presenza brasileira no Culturgal enmárcase dentro da colaboración institucional e o intercambio comercial que, no ámbito da música, promoven conxuntamente a Agadic e a Secretaría de Estado de Cultura de Minas Gerais, un dos estados punteiros dentro da potente industria cultural deste país. Xunto cos artistas brasileiros, ata Pontevedra desprazarase así mesmo unha delegación institucional e profesional encabezada por Washington Melo, secretario de Cultura de Minas Gerais; Thiago Cury, director do Centro de Música (Cemus) da Fundação Nacional de Artes do Ministério da Cultura; e Makely Ka, membro do Fórum da Música de Minas Gerais. Os tres participarán nun foro de debate cos profesionais galegos centrado nas oficinas de intercambio artístico entre ambos países, así como nas expectativas de exportación en ambos sentidos.

Apoio de CREATIVA

Esta mesa redonda intégrase dentro do chamado Foro CREATIVA, como unha das actividades apoiadas a través do programa europeo CREATIVA que promoven de forma conxunta a Agadic e a Direcção Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués. Baixo o título xenérico As industrias culturais en tempos de crise. Retos, recursos e modelos de éxito, este foro desenvolverase nas mañás do sábado 27 e domingo 28, congregando a profesionais galegos, portugueses e brasileiros arredor dun total de 10 mesas redondas e de traballo centradas no audiovisual, a edición, a música, as artes escénicas e os modelos de feiras culturais.

A programación de CREATIVA esténdese, así mesmo, ao apartado artístico a través de dúas citas destacadas. A primeira terá lugar no Pazo da Cultura, ás 21.00 horas do sábado, no concerto protagonizado polo grupo portugués Deolinda, que incorpora o humor e moito ritmo á súa particular revisión do fado, e o gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño, quen tocará os temas de Volta, o seu novo traballo discográfico. A segunda celebrarase ás 21.00 horas do domingo no Teatro Principal de Pontevedra, onde Producións Teatráis Excéntricas porá en escena o espectáculo Un cranio furado, dirixido por Quico Cadaval e interpretado por Dorotea Bárcena, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Santi Romay.

Tamén como actividade apoiada polo programa europeo dentro do Culturgal, a exposición Soporte Sonoro amosará por vez primeira a evolución da gravación sonora en Galicia ao longo do século pasado até a chegada do disco compacto. A mostra céntrase na evolución dos aparatos reprodutores e dos soportes utilizados, poñéndoa en relación co propio desenvolvemento da industria musical galega e cos intérpretes que se apoiaron nas posibilidades destes avances tecnolóxicos como vehículos de promoción.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia