Arrinca con todas as prazas cubertas o programa personalizado e gratuíto Burela co seu Comercio
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/burela_e_o_seu_comercio.jpg)
Gómez Besteiro salientou que “a verdadeira columna vertebral da economía lucense son os autonomos e o pequeno comercio. Estou seguro de que obterán neste curso o mellor asesoramento e a discreción que a todos nos gusta cando se fala dos numeros dun negocio". Pola sua banda, o Alcalde destacou que “se aguanta o comercio, aguanta o emprego. O que sexa positivo para os comerciantes tamén o é para o Concello de Burela"
Expertos económicos comezan xa a visitar os establecementos esta semana na que o programa estará adicado ó marKeting. Deste xeito, avaliarán in situ e de forma individualizada as vendas, a colocación, o etiquetado, o prezo, a distribución ou a calidade dos produtos; o trato, a información, e ata a recuperación ou a conserva dos clientes; así como as técnicas fronte á competencia, ou as de promoción e publicidade.
Durante 6 semanas, os participantes terán a oportunidade de coñecer, e sempre de forma adaptada ós seus negocios, as oportunidades no mercado, as negociacións con provedores e institucións financeiras, o contorno xurídico laboral e fiscal, as actividades de merchandising, a xestión dos stocks, os posibles proxectos de expansión ou remodelación comercial, e ata as estratexias defensivas ou de cooperación.
Compromiso co tecido empresarial
Dos catro programas da Deputación para impulsar ó tecido empresarial da provincia, dous celebráronse na Mariña. O organismo provincial levou a Viveiro unha programación sobre a sucesión na empresa familiar, e agora estrea en Burela un programa especializado no pequeno comercio.
O compromiso da Deputación co sector empresarial da Mariña tamén é cuantificable nos máis de 250 autónomos da zona ós que o organismo provincial lles subvenciona os gastos correntes tales como os recibos de luz e teléfono, seguros ou aluguer, mediante unhas subvencións novidosas en España dirixidas a este sector. Moitos dos beneficiados son comerciantes e hosteleiros que forman parte dos centos de provedores de Km0.Deputación de Lugo, o programa medioambiental grazas ó cal aumentaron a súa clientela logo da visita ós seus establecementos de miles de participantes nesta iniciativa.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo