Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentouse o I Econtro de Corais de Lugo: Voces na Rúa

Presentouse na sala de xuntas da Deputación o I Encontro de Corais de Lugo, que se celebrará baixo o nome de “Voces na rúa” dende o 22 ata o 28 de novembro. Ao acto de presentación desta iniciativa asistiu, ademais de Antón Bao, Fernando G. Jácome, en representación das agrupacións Solo Voces, da coral do hospital Xeral de Lugo, de Cantar Delas e de Lugh; Xulio Xiz, en representación do Orfeón Lucense; Enrique Castro, en representación da coral polifónica Xolda; Angel Trabada, en representación do coro dos Amigos do Camiño de Santiago; Rogelio Lumbó, en representación da coral Novo Amencer do centro de maiores de Caixa Galicia, e do coro San Antonio; e José López Veiga, en representación do Orfeón Xoán Montes e da Schola Gregoriana Lucensis.

Como explicou Antón Bao na súa intervención, “Voces na rúa”, é unha iniciativa da Área de Cultura da Deputación, que “pretende recoñecer e mostrar o traballo das corais e agrupacións lucenses ao tempo que se pon en valor a música coral, e se dá a coñecer á xente sacándoa á rúa”. O evento celebrarase con varias actuacións dos grupos participantes en diversos puntos do casco histórico de Lugo, de xeito que dende o 22 ata o 28 de novembro, todos os lucenses que o desexen, e se acheguen aos itinerarios marcados no programa, poderán presenciar as actuacións das corais.

Antón Bao lembrou que “dende a Área de Cultura traballamos para impulsar a cultura nas súas diferentes expresións e nesta ocasión, imos achegar a música coral ao público a través desta iniciativa novidosa, que se pon en marcha por primeira vez”. É unha proposta na que os conxuntos corais van saír á rúa e alí, interpretarán parte do seu repertorio. Deste xeito, achegaranse ao público para presentar de unha maneira informal, unha mostra do que é a música vocal partindo de diferentes interpretacións, desde a máis clásica até a máis actual. Bao manifestou a súa certeza de que “a iniciativa será un grande éxito”, e animou á cidadanía a participar dela. O domingo 28, para finalizar, celebrarase unha xuntanza no Círculo das Artes onde se darán cita todas as corais participantes no encontro.

PROGRAMA

Luns 22
18:30-19:30 Cantar Delas (A)
19:30-20:30 Hospital Xeral de Lugo (B)

Martes 23
18:30-19:30 Polifónica de Xolda (A)
20:00-21:00 Orfeón Lucense (B)

Mércores 24
18:30-19:30 Coro do centro de maiores de Caixa Galicia “Novo Amencer” (A)
20:00-21:00 Coral Amigos do Camiño de Santiago (B)

Xoves 25
18:30-19:30 Conxunto vocal Lugh (A)
19:30-20:30 Orfeón Xoán Montes (A)
19:30-20:30 Coro de San Antonio (B)

Venres 26
18:30-19:30 Schola Gregoriana Lucensis (A)
19:30-20:30 Solo Voces (B)

Domingo 28
Xuntanza de todas as corais participantes no Círculo das Artes.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo