Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A RAG e a Deputación de Lugo asinan un convenio para actividades das Letras Galegas

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, recibiu no pazo de San Marcos ao presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, para celebrar o acto no que se asinou o convenio entre a Deputación e a Real Academia Galega, que regula a subvención concedida pola Deputación a favor da RAG para o financiamento da homenaxe a Lois Pereiro, a quen se dedicará o Día Das Letras do vindeiro ano 2011.

Antón Bao declarou que “dende a Área de Cultura, consideramos que a RAG necesita toda a colaboración das administracións, xa que a súa labor de traballar a prol da cultura e a lingua debe estar recoñecida e avalada sobre todo polas propias institucións galegas”. Sinalou que “debemos loitar porque entidades como a RAG continúen facendo ese traballo que sempre é fundamental, e máis agora cos tempos que corren para cultura e lingua”. Por isto, como afirmou Bao, “a homenaxe realizada a Lois Pereiro é un dos obxectivos concretos deste convenio, pero a súa finalidade xeral é estreitar os lazos entre a Real Academia Galega e a Deputación de Lugo, en concreto a Área de Cultura”.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo