Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Igualdade e Preescolar na Casa colaboran para previr a violencia de xénero

A Secretaría Xeral da Igualdade asinou un convenio de colaboración coa Fundación Preescolar na Casa para o desenvolvemento dun programa de información e sensibilización no ámbito da igualdade e na prevención da violencia de xénero dirixido a nenas e nenos de 0 a 6 anos e que está dotado con 15.000 euros.

Na sinatura estiveron presentes a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e a presidenta da Fundación Preescolar na Casa, Ermitas Fernández, que se mostraron satisfeitas por oficializar unha estreita colaboración que veñen realizando dende hai tempo dende diferentes ámbitos.

A secretaria xeral da Igualdade puxo de manifesto que este convenio “permitirá colaborar máis estreitamente no eido da educación en igualdade e da prevención da violencia de xénero dende as idades máis temperás, o que é fundamental para lograr unha sociedade realmente igualitaria”.

Ademais, sinalou González, grazas aos profesionais e as profesionais de Preescolar na Casa “os nenos e as nenas aprenderán a enfrontar mellor os conflitos e interiorizarán unha forma de convivencia baseada no respecto a todas as persoas, fomentando valores e actitudes igualitarias”.

Pola súa banda, a presidenta da Fundación Preescolar na Casa sinalou a importancia de traballar cos pais e coas nais que teñen fillos e fillas menores de 6 anos, xa que “é nesas idades onde se comezan a formar as aptitudes e porque é no núcleo familiar onde realmente se inculcan os valores, xa que todas e todos os menores acaban imitando o que ven”.

Este convenio é importante, sinalou Fernández, porque nos axudará a realizar máis accións no eido da igualdade e da prevención da violencia de xénero no seo das familias”;de feito, indicou, o ano pasado foron máis de 5.000 as persoas de familias galegas que participaron na formación de Preescolar na Casa, que leva 30 anos traballando na nosa comunidade.

O convenio, que ten unha duración dun ano e unha dotación económica de 15.000 euros, ten por obxectivo realizar accións de sensibilización e divulgación no ámbito da igualdade e da prevención da violencia de xénero, atendendo ás circunstancias específicas da poboación infantil de Galicia, moi especialmente do ámbito rural.

O programa estenderase a toda a Comunidade Autónoma e terá como destinataria á poboación beneficiaria dos programas da Fundación Preescolar na Casa. As actuacións, que se desenvolverán en distintas vilas das catro provincias galegas a través do equipo de profesionais cos que conta a Fundación Preescolar na Casa, dirixiranse a afondar nas estratexias para a análise e resolución dos conflitos, así como na aprendizaxe da convivencia baseada no respecto a todas as persoas, garantindo e fomentando actitudes, valores e capacidades que contribúan a un pleno desenvolvemento de nenos e nenas en igualdade.

As accións abordarán as áreas de información, formación e sensibilización, como: integrar na programación educativa de Preescolar na Casa liñas específicas de educación en valores e non violencia nun formato axeitado, accesible, comprensible e de fácil uso para as familias; elaborar e distribuír material específico con conceptos básicos relacionados coa prevención da violencia de xénero dende os primeiros anos; ou crear un espazo de comunicación e intercambio entre as persoas participantes no que se fomente a reflexión sobre actitudes e valores non sexistas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia