As facetas de editor e artista gráfico de Seoane centran a mostra Ao pé do prelo no Museo de Pontevedra
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/luis_seoane_lopez.gif)
Ao pé do prelo é unha exposición que, dentro do ano do centenario do seu nacemento, se centra na actividade de Luís Seoane como editor e artista gráfico. Esta mostra, comisariada por Gloria López e Xosé Ramón Fandiño, xa estivo aberta ao público na Casa da Parra de Santiago e chega agora a Pontevedra da man da Deputación Provincial. Francisco López asegurou que contemplando Ao pé do prelo “percibimos a enerxía vital e creativa de Seoane, gozamos dun legado que medra constantemente e acepta con naturalidade os cambios de perspectiva e de sensibilidade que trae a mutación dos tempos”.
Segundo o director xeral, Luís Seoane aparece no ano 2010 “como un precursor excepcional para a potencia do deseño gráfico na que se converteu Galicia, cos nosos autores recoñecidos polo mellor da industria creativa que se basea na ilustración, e tamén os vimbios cos que construímos un sistema editorial destinado a darnos voz propia no mundo das grandes comunicacións e da palabra escrita”.
Nesta liña, Francisco López asegurou que “Galicia posúe unha imaxe de prestixio herdada, tanto no territorio nacional como no estranxeiro, onde soan familiares os nomes de Castelao, Álvaro Cebreiro, Fernández Mazas e, por suposto, o formidable Luís Seoane, o home dotado dunha enerxía infinita para materializar soños e empresas, xunto ao noso querido e admirado Isaac Díaz Pardo, que deita no papel ou no lenzo a creación auténtica do seu singular talento”.
O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, gabou as múltiples facetas de Luís Seoane, “a de promotor cultural, a de editor, como esta mostra atende, a de artista gráfico, a de pensador, poeta, teórico, etc, calquera delas daría unha figura extraordinaria para a nosa historia; nel podemos ver moitos homes metidos nun só corpo, moitas Galicias nunha soa Galicia”. “Sen dúbida un dos creadores máis importantes e versátiles de Galicia”, engadiu.
‘Ao pé do prelo. Luís Seoane. Libros: editor e artista gráfico’
Ao darse a feliz coincidencia de que no ano 2010 se celebre o centenario do nacemento do artista Luís Seoane (Bos Aires, 1910; A Coruña, 1979) e o Ano do Libro e da Lectura, a Consellería de Cultura e Turismo acordou unir estes dous acontecementos e promover a exposición Ao pé do prelo, que pretende homenaxear a Seoane pola súa condición de editor. A mostra reúne case 300 pezas deseñadas por Luís Seoane, libros, catálogos de exposicións, carpetas de gravados e colaboracións con outros artistas. Entre as obras expostas exhíbese o libro de debuxos Homenaxe a la Torre de Hércfules, 49 dibujos (Bos Aires: Editorial Nova, 1944), que levou o premio Pierpont Morgan Library como un dos mellores libros deseñados no mundo entre 1944 e 1946.
A faceta de editor de Seoane foi expresada tanto polo inxente labor de ilustrador e diagramador de centenares de libros das distintas empresas editoriais coas que colaborou ou que el mesmo impulsou e dirixiu, coma nos seus propios albumes de gravados ou debuxos e nas ilustracións dos libros de poesía, prosa ou teatro dos que é autor. Luís Seoane consideraba que ilustrar ou compaxinar un libro era unha oportunidade de atopar unha nova expresión porque coma pintor sentía a necesidade de idear fermosos libros.
A mostra recolle as colaboracións de Luís Seoane con Emecé Editores, Editorial Nova, Editorial Botella de Mar, Editorial Citania, Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires, Edicións do Castro, Editorial Cuco Rei, entre outras. Asemade, tamén se expoñen cinco pezas orixinais, catro óleos e unha pintura sobre papel, da produción de Luís Seoane dende os anos corenta aos setenta pertencentes aos fondos da Xunta de Galicia. Os libros mostrados na exposición proceden maioritariamente dos fondos da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, pero tamén da Biblioteca da Universidade de Santiago, Museo de Arte Galega Contemporánea Carlos Maside, Museo de Pontevedra, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e Museo do Pobo Galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia