Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CDG fai unha pegada electoral previa á estrea da representación de Salomé

O Centro Dramático Galego (CDG) desenvolveu unha acción escénica diante do Salón Teatro de Santiago como parte da campaña promocional de Salomé, o novo espectáculo que a compañía pública estreará o vindeiro 26 de novembro baixo a dirección de Carlos Santiago. A intervención estivo protagonizada por un dos personaxes desta versión da obra de Oscar Wilde, o candidato Herodes Antipas interpretado polo actor Pepe Penabade, quen levou a cabo a primeira pegada de carteis da montaxe.

Nesta performance, Herodes Antipas arengou aos seus seguidores cun acendido discurso electoral que rematou ao grito de “Viva Galilea! Viva o Imperio Romano” e durante o que o candidato fixo un inciso para anunciar a estrea de Salomé no Salón Teatro, aproveitando para convidar a todos os seus “votantes” a “vir e disfrutar dun pouco de teatro, que nunca lle fai mal a ninguén”

Desvélase así a orixe da “campaña electoral” do partido Bonanza e Progreso de Galilea (BPg), despregada durante as últimas semanas en Compostela a través de carteis e insercións en autobuses urbanos, como acción promocional do Centro Dramático Galego. A partir de hoxe, a cartelería de Bonanza e Progreso será substituída pola da imaxe do espectáculo, asinada polo deseñador Fausto Isorna.

O novo espectáculo do Centro Dramático Galego será presentado aos medios de comunicación o vindeiro martes día 23 polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, xunto co equipo artístico de Salomé. Ademais de Pepe Penabade, María Mera (no papel de Salomé), María Salgueiro (Herodías), Hugo Torres (Iokanaan), Marcos Correa (mozo sirio) e Alberte Cabarcos (paxe de Herodías) integran o elenco desta montaxe, a través da que Carlos Santiago propón unha posta escena actualizada e unha lectura satírica da traxedia asinada polo dramaturgo irlandés.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia