Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Fundación TIC impulsa o traballo realizado por AGARESO sobre o Golfo de Fonseca

A Deputada de Economía, Regina Polín, inaugurou a mostra fotográfica Golfo de Fonseca: A Loita por un Futuro Sostible, elaborada pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e que dá a coñecer o traballo de cooperación e de erradicación da pobreza levado a cabo pola ONG “Amigos da Terra” no Golfo de Fonseca; un ecosistema moi importante e moi rico en diversidade biolóxica.

A mostra, que permanece ata o 10 de xaneiro na Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, dependente da Deputación, e que está a percorrer as catro provincias galegas, amosa o material recollido por AGARESO neste Golfo situado en pleno Océano Pacífico e que comprende os países de Salvador, Nicaragua e Honduras. Neste senso, Regina Polín subliñou que “con esta mostra a EIS, que é o único centro da provincia especializado no campo audiovisual, convértese nun punto de encontro de creadores de imaxe e son. Ademais, con este tipo de iniciativas melloramos a formación dos nosos alumnos, conseguindo que teñan unha visión práctica que lles servirá para aplicar no mundo laboral unha vez rematados os seus estudos”.

Fotografía e vídeo

Para acometer este proxecto, os reporteiros de AGARESO realizaron, en setembro de 2009, varias entrevistas a membros das cooperativas de pescadores artesanais, de asociacións de mulleres e de institucións locais, das que obtiveron diverso material fotográfico e audiovisual, en formato dixital. Deste xeito, a exposición consta dunha trintena de fotografías, dun tamaño de 40 x 50, que van acompañadas dun texto breve e dun vídeo duns oito minutos de duración, no que se recollen fragmentos das entrevistas gravadas polos xornalistas, no Golfo de Fonseca.

Ademais da inauguración da mostra fotográfica e audiovisual, os alumnos da Escola de Imaxe e Son asistiron á presentación dun documental sobre o proxecto que realizaron os profesionais de AGARESO durante doce días na área xeográfica do Pacífico, e que visibiliza o traballo das ONG galega.

Labor social da TIC

Esta mostra dá continuidade ó importante labor que desenvolve na actualidade a Fundación TIC na difusión do traballo de 23 entidades asociativas da provincia. Precisamente, o Presidente deste organismo dependente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e representantes de 12 asociacións deportivas da provincia asinaron o pasado martes os convenios de colaboración para difundir as súas actividades a través de produtos audiovisuais nos que participarán bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS).
Asimesmo, a TIC xa está a colaborar con 11 asociacións sen ánimo de lucro: Asociación Down Lugo, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU), Asociación “Raiolas”, Fundación UNICEF, Asociación Lucense de Xordos (ALUSOR), Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais (FEAFES), Asociación San Vicente de Paul, ANADE, ASPNAIS, Preescolar na Casa e Fundación Azkar para facer máis visible a súa función mediante espazos de divulgación elaborados en diferentes soportes audiovisuais.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo