Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ex libris gallaeciae. Dos libros de Galicia ofrece unha escolma de exemplares que definen a historia do país

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurou no Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia a exposición Exlibris Gallaeciae. Dos libros de Galicia, unha escolma de “xoias bibliográficas” que en conxunto trazan un relato de como se construíu a cultura galega e que van desde os primeiros textos romanos que comezan a definir un territorio co nome de Callaecia ata o primeiro libro electrónico en galego. Segundo o conselleiro, “os documentos, manuscritos, xornais, códices e libros reunidos por primeira vez nun mesmo espazo conforman unha mostra que está chamada a converterse en historia da nosa cultura”. Neste acto inaugural participaron admais os comisarios da exposición, Xosé Ramón Barreiro Fernández, ex presidente da Real Academia Galega, e Xosé Luís Axeitos, secretario desta institución.

Roberto Varela explicou que Ex Libris Gallaeciae está composta por “unha selecta escolma de exemplares que definen a historia do noso país e que foi articulada de entre o conxunto dos libros de Galicia; un exemplares que nos pertencen a todos nós e case podería dicir que nos definen como galegos”. “A selección feita para esta exposición permítenos avanzar nun itinerario pola cultura de Galicia que nos leva dende a Idade Media ata a actualidade, un percorrido que nos dirixe polos meandros dos saberes dos galegos ao longo da historia”, engadiu.

Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, os libros reunidos nesta mostra “entrelazan as súas propias historias individuais, aquelas que moitas veces nos enuncian os propios ex libris, conformando en conxunto unha gran historia de Galicia”. Neste sentido, Varela asegurou que Ex Libris “cóntanos a nosa propia historia, a través dos documentos e dos libros que, parafraseando a Montaigne, son a mellor provisión para a gran viaxe que é a vida”.

O conselleiro tamén fixo referencia ao avance das novas tecnoloxías e o imparable empuxe da sociedade da información, asegurando que “os libros afrontan un proceso encamiñado a transformar por completo a súa aparencia externa –case invariable durante cincocentos anos¬– e, sobre todo, a forma de acceder a eles”. Pero recordou que o libro, tal e como o coñecemos e como o podemos ver en Ex Libris, “terá sempre un oco fundamental na nosa cultura, que con tanta forza axudaron a forxar”.

O titular de Cultura e Turismo asegurou que “semella difícil imaxinar un mellor escenario para render esta sentida homenaxe á cultura do noso país que a Biblioteca e o Arquivo de Galicia, con estes edificios que foron ideados e construídos para ser a referencia fundamental do libro e do documento galego, e agora esta mostra é un primeiro paso, un pulo decisivo e necesario para achegarnos cara ese propósito”. “A eses libros –a todos eles– estará entregada fundamentalmente a Biblioteca de Galicia desde este mesmo momento, e estou convencido de que proximamente a cultura universal ollará cara este monumental centro de coñecemento con curiosidade e interese”, engadiu.

Xoias bibliográficas

A exposición “Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia” reúne reúne un total de 83 libros, códices ou manuscritos considerados clave na construción da cultura galega. Trátase dunha escolma de “xoias bibliográficas” que, por diferentes motivos, definen momentos clave na historia de Galicia. Prestadas por bibliotecas, arquivos e coleccións privadas de Galicia e do resto de España, é a primeira vez que se conseguen reunir nunha mesma exposición, incluíndo mesmo algunha obra que ata o de agora nunca se amosou ao público.

Comisariada polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, ex presidente da Real Academia Galega (RAG), e por Xosé Luís Axeitos, secretario desta institución, a mostra supón unha “biografía gramatical” de Galicia, ou o que é o mesmo a historia galega contada a través dos seus libros impresos, códices, crónicas manuscritas, mapas ou documentos máis senlleiros. Os visitantes atoparán pezas como o primeiro libro impreso que chegou a Galicia ou o primeiro libro que se imprimiu na nosa Comunidade: o “Breviarium Auriensis”, impreso en Ourense no ano 1485. Móstrase tamén un exemplar de Proezas de Galicia (1810), o libro impreso en galego máis antigo que se conserva.

A exposición conta cunha das cinco únicas versións completas que se conservan no mundo do Códice Calixtino. Ademais, estará o primeiro documento escrito en galego, o “Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas” (ano 1228) prestado pola Casa de Alba. Entre as 83 pezas figura tamén o primeiro mapa do Reino de Galicia, o primeiro xornal en galego ou a primeira revista ilustrada que se editou en Galicia.

Os nosos principais nomes da literatura están tamén representados. A mostra amosa as notas e os textos manuscritos de Castelao que lle serviron de base para publicar Sempre en Galiza. Outras das pezas serán estudos lingüísticos a prol do galego do Padre Sarmiento, os versos de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, os deseños vangardistas de Luís Seoane ou o manifesto do poeta Manuel Antonio “¡Máis alá!”, que será a primeira vez que se mostra ao público.

A exposición permanecerá instalada no Arquivo de Galicia ata o 25 de febreiro. Polo momento, para visitala é preciso inscribirse no Programa de Visitas Guiadas á Cidade da Cultura na web www.cidadedacultura.org, onde se ofrecerá toda a información sobre días e horarios. Poráse en marcha ademais un servizo específico de visitas didácticas con guías e material específico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia