Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Consello de Acción Exterior aproba as prioridades da Xunta para 2011

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presidiu a reunión do Consello de Acción Exterior de Galicia (Caex), que é o órgano de traballo asesor da Xunta en materia de acción exterior e que aprobou as prioridades de actuación na materia para o vindeiro ano 2011.

O documento “Acción exterior de Galicia. Prioridades de actuación” contén unha listaxe de temáticas, propostas e compromisos no eido da acción exterior da comunidade autónoma que se están a implementar e que a Xunta está a levar a cabo. Entre as prioridades de actuación da Xunta destaca configurar unha Galicia Global, que sexa capaz de competir nas mellores condicións coas máis potentes rexións europeas.

Dende o Goberno galego estase a traballar en torno a catro eixes sectoriais que marcan a acción exterior galega, coma son asentar canles efectivas de participación da nosa comunidade nos asuntos europeos, co obxectivo de promover os nosos intereses, tanto na política rexional coma na agrícola ou pesqueira; afondar tamén na consolidación da Eurorrexión, avanzando na cooperación con Portugal, polo que Galicia aposta por estender a idea de cooperación interrexional, á partir da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal á recentemente constituída Macrorrexión “Rexións do Sudoeste europeo” xunto coa Rexión Norte de Portugal e Castela-León.

Ademais, outra das prioridades de actuación é a Cooperación ao Desenvolvemento, na que a comunidade galega aposta pola sustentabilidade, a redución da pobreza e a promoción dos dereitos humanos. Tamén contemplase coma prioridade de actuación as relacións con Latinoamérica coma oportunidade potencial para a nosa economía, xunto a os mercados asiáticos, facendo especial fincapé en Brasil e China.

Informe de cohesión

Na reunión tamén se analizou o V Informe da Comisión sobre a cohesión económica, social e territorial, que vén de presentar a Comisión Europea, onde ademais analizar o estado da cohesión en Europa, reflicte a súa visión para a futura reforma desta política.

Este V informe de cohesión fai mención a unha posible axuda transitoria que permitiría suavizar a transición entre as dúas categorías de rexións, as mais desenvolvidas e as menos desenvolvidas, a través dunha nova categoría intermedia de rexións que podería substituír aos actuais sistemas de transición, na que estaría incluídas aquelas rexións que na actualidade se atopan dentro do obxectivo converxencia pero cuxo PIB sería superior ao 75 por cento da media comunitaria, coma é o caso da nosa comunidade autónoma.

A reunión do Caex tamén serviu para consolidar a creación de tres grupos de traballo, un sobre “Relacións con Portugal e Cooperación Transfronteiriza”, outro sobre “Relacións coa UE” e outro sobre “Internacionalización da empresa”, incluíndo dentro do seu cometido as relacións con Brasil e con Latinoámerica.

As funcións do Consello de Acción Exterior son identificar as necesidades, obstáculos e oportunidades para a acción exterior de Galicia; fomentar a interacción, coordinación e colaboración entre o sector publico autonómico, a empresa privada e a sociedade civil para o desenvolvemento da acción exterior de Galicia; e xerar ideas para o deseño e desenvolvemento das estratexias, plans e programas de acción exterior de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia