Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CGAC acolle a homenaxe da Xunta de Galicia a Fernández del Riego

A Xunta de Galicia organiza o mércores 1 de decembro no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago a homenaxe institucional que se rende en memoria de Francisco Fernández del Riego xunto á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galega, á Fundación Penzol e á Editorial Galaxia. O acto que organiza o Goberno autonómico como recoñecemento da sociedade galega ao intelectual galeguista comeza ás 17,00 horas e será presidido polo responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

O acto conta coa participación da familia de Francisco Fernández del Riego e intervirán o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, e o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes. Está previsto, ademais, que durante o acto, no que o Cuarteto Rosalía será o encargado da ambientación musical, as escritoras Luisa Castro e Rosa Aneiros realicen lecturas en memoria de Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego, que faleceu o venres 26 de novembro en Vigo aos 97 anos, foi protagonista dos grandes fitos da cultura galega do século XX. Así, o que fora presidente da Real Academia Galega e o seu membro máis antigo, era un dos últimos vínculos do presente co primeiro Grupo Nós, co Instituto de Estudos Galegos e co Partido Galeguista. Ademais, Francisco Fernández del Riego caracterizouse polo seu talante emprendedor, que o levou a fundar empresas e iniciativas culturais aínda hoxe en plena vixencia. É o caso da Editorial Galaxia, que fundou canda Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, da Fundación Penzol ou da revista Grial, da que foi o primeiro director.

Entre as súas múltiples achegas á dinamización da cultura galega destacan a promoción e o impulso que Fernández del Riego lle deu á iniciativa de constitución dunha festa anual para a lingua galega, a través da instauración do Día das Letras Galegas.

A súa entrega a Galicia e á súa cultura foi premiada en 2001 coa Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta distinción do Goberno autonómico, que tamén recoñeceu o seu labor noutros momentos coa Medalla Castelao ou o Premio das Artes e das Letras de Galicia.
A homenaxe que organiza a Xunta de Galicia ten por obxecto poñer en valor o inmenso legado de Francisco Fernández del Riego e reunir ao conxunto da sociedade galega ao redor do tributo á súa figura.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia